URBANISMO

A Comisión de Casco Histórico aproba a demolición da Casa da Xuventude

01/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, anunciou en rolda de prensa os acordos adoptados pola Comisión asesora do Casco Histórico, entre os que salienta a aprobación do derrubamento da Casa da Xuventude, ubicada na praza do Matadoiro, e da rehabilitación do Palacete do Espiño para equipamento municipal.

A Casa da Xuventude é un edificio de tipo administrativo sito na Praza do Matadoiro de Santiago de Compostela e obra do falecido Arquitecto Severino González Fernández. O programa do edificio é mixto e consta de oficinas, aulas, auditorio e espazos adaptables para distintos usos. Está situado no lugar que ocupaba o antigo matadoiro que lle deu nome á praza, na confluencia entre as traseiras de varios edificios da rúa de San Pedro, a propia praza do Matadoiro e o parque de Belvís.

Cando se redactou o proxecto do edificio, en Belvís situábanse terreos e hortas privados e sen axardinar. Todo este chan agora converteuse nun dos espazos verdes axardinados mais grandes de Santiago e máis emprega polos veciños de Compostela. O parque limita co casco vello de Santiago, pero dende a zona antiga non se percibe ao estar completamente flanqueado por edificios. Coa demolición da Casa da Xuventude, o parque de Belvís abrirase á cidade a través da praza do Matadoiro.

Segundo indicou a concelleira, o custo total da obra é de 165.076,16 e espérase que para o verán estén en marcha tanto os traballos de demolición como a reurbanización da zona, co acceso ao parque e un mirador sobre o mesmo.

Palacete da Finca do Espiño
A Comisión tamén deu luz verde ao proxecto de rehabilitación do Palacete da Finca do Espiño para equipamento municipal. María Pardo sinalou que este vai ser o primeiro edificio de consumo cero, incorporando os últimos avances en materia de sostibilidade. A obra ten un orzamento de 1.262.000 euros (IVE inclúído), que se executan co aval incautado á empresa Layetana, ao igual que a reurbanización da propia finca. Ten un prazo de 18 meses.

Outros asuntos
A aprobación do mobiliario urbano para rúa de San Pedro foi outro dos asuntos tratados que, segundo a concelleira, estará xa instalado neste mes de abril. Así mesmo, aprobouse a modificación de vaiis e reforma de accesos ao aparcamento da rúa Galeras.

Compartir: