BENESTAR SOCIAL

As instalacións deportivas de Santiago serán accesibles ás persoas con autismo

31/03/2014 Con motivo da celebración do Día Mundial de Concienciación do Autismo, a Federación Autismo Galicia presentou a súa colaboración co Concello de Santiago que permitirá que as instalacións deportivas da cidade sexan accesibles para as persoas con autismo e outros colectivos con dificultades na comunicación como persoas con discapacidade psíquica, visual, dificultades na linguaxe ou persoas maiores. Ao acto asistiron os concelleiros de Benestar Social, María Castelao, e de Deportes, Adrián Varela.

Os trastornos do espectro do autismo (TEA), que afectan hoxe en día a 1 de cada 150 nenos, caracterízanse por dificultades na comunicación social e na linguaxe, o que afecta a súa capacidade para se relacionar e comprender o mundo que os rodea. Sen embargo, estas persoas teñen un excelente pensamento visual, polo que a información presentada de xeito visual en forma de pictogramas lles resulta de gran axuda para comprender o seu entorno. Estímase que só en Galicia hai mais de 2.000 persoas que presentan un trastorno do espectro do autismo, aínda que se descoñece a cifra exacta.

Estas adaptacións enmárcanse dentro do Proxecto de Accesibilidade en Entornos Sociais que Autismo Galicia leva a cabo en distintos concellos de toda a Comunidade Autónoma e ten por obxectivo favorecer o acceso aos espazos públicos do colectivo de persoas con autismo a través de sinalización axeitada que lles permita comprender onde se atopan e o que van facer. Dende Autismo Galicia, deféndese que a accesibilidade non consiste soamente en salvar as barreiras físicas, xa que existen outras barreiras invisibles, como as comunicativas, que dificultan a inclusión e o acceso aos servizos públicos de distintos grupos de persoas. De feito, en Galicia estase a tramitar a nova Lei de Accesibilidade, da que Autismo Galicia agarda que recoñeza a importancia da accesibilidade cognitiva e comunicativa e protexa o dereito ao acceso aos servizos públicos de todas as persoas.

Co obxectivo de facilitar a inclusión social das persoas con TEA e o seu acceso aos servizos públicos, a Federación Autismo Galicia, co apoio da Concellería de Deportes de Santiago, está a sinalizar os espazos deportivos municipais da cidade con pictogramas adaptados ás súas necesidades. Estas imaxes sinxelas es descritivas están realizadas por profesionais expertos neste tipo de trastornos e probadas por persoas con autismo para que sexan o mais funcionais posibles. Os primeiros lugares que se están a adaptar son os espazos deportivos, xa que son utilizados habitualmente por persoas con TEA, entre os que se atopan o Multiusos Fontes do Sar e o complexo deportivo Santa Isabel, así como os pavillóns municipais de Fontiñas, Vite, Pontepedriña, Restollal e Lorenzo de la Torre.

En total, mais de 560 pictogramas axudarán ás persoas con TEA a utilizar estes espazos de xeito mais seguro e autónomo, así como a chamar a atención da cidadanía sobre a necesidade de ser verdadeiramente accesibles a todo tipo de persoas independentemente das súas características persoais. Tamén estiveron presentes os adestradores do clube de baloncesto Obradoiro CAB, Moncho Fernández, e o do clube de fútbol sala Santiago Futsal, Santi Valladares, para mostrar o seu apoio a esta iniciativa que fará mais accesible o seu estadio, o Multiusos Fontes do Sar, e coñecer de primeira man as adaptacións que atoparán os seus afeccionados cando se acheguen a el.

Compartir: