INMIGRACIÓN

Dezaoito nenos e nenas inmigrantes están a participar no Programa de integración nas actividades socioculturais

28/07/2006 Rapaces e rapazas de 3 a 12 anos orixinarios de países coma Uruguai, Arxentina, Venezuela ou Rumanía están a participar durante o mes de xullo nas actividades do Programa de integración dos/as nenos/as inmigrantes nas actividades socioculturais. Ata o momento son dezaoito os apuntados, pero para o mes de agosto serán aínda máis os que se beneficien destas actividades, organizadas pola Concellería de Emigración e Inmigración.

A responsable deste departamento, Teresa Regúlez, amósase moi satisfeita coa acollida da iniciativa e mesmo está a participar cos nenos e nenas nalgunha das actividades. "É todo un exemplo de convivencia e estou moi contenta do ben que se levan todos entre si, e do interese e coñecemento que demostran", sinala.

Malia o éxito e á vista de como as familias participantes declaran terse enterado deste programa, a concelleira cre que a iniciativa podería ter aínda máis participación. Neste sentido, fai un chamamento ás organizacións de emigrantes que traballan na cidade para que "colaboren e presten un maior apoio". Así o comunicará na vindeira xuntanza do Consello Municipal de Migracións.

O Programa de integración está concibido para atender as demandas dos inmigrantes e para contribuír a unha plena integración nas actividades do Concello a través de obradoiros, xogos, piscina ou saídas para coñecer a cidade. O iniciativa está a desenvolverse de luns a venres, en horario de 08:00 a 14:00 horas e prolongarase ata o 22 de setembro. O Centro Sociocultural de Vite acolleu as actividades de xullo e retomaras en setembro, mentres que as de xuño e agosto correspóndenlle ao de Fontiñas.

Ademais das actividades da mañá, os rapaces poden participar nos eventos propios do centro sociocultural polas tardes. A fin última é que estes nenos e nenas se integren nestes espazos e se beneficien da súa oferta durante todo o ano.

Compartir: