PLENO

O Pleno dá luz verde ao convenio de colaboración para a promoción turística conxunta dos concellos de Área Santiago

27/03/2014 O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de marzo o convenio marco de colaboración para a xestión compartida da promoción turística conxunta dos concellos de Área Santiago. Tamén deu o visto bo á modificación puntual do plan xeral de ordenación municipal relativa ao incremento de densidade dos solos urbanizables non delimitados.

Cos votos favorables de PP e PSOE e a abstención do BNG, o Pleno aprobou este convenio marco. A concelleira Reyes Leis comprometeuse ademais a manter unha reunión coa oposición a semana que vén para seguir tratando o tema.

Área Santiago é un grupo de concellos da zona de influencia de Santiago de Compostela que traballa dende hai un ano na súa promoción turística conxunta. Tras a primeira reunión de Área Santiago o 11 de marzo de 2013 por iniciativa do Concello de Santiago, oficializouse o grupo o 27 de maio de 2013, coa firma por parte dos alcaldes dos seguintes 19 concellos dun "Protocolo de Intencións para a Colaboración en Promoción Turística Conxunta": A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Dende entón, o traballo técnico continuado deu como froito a definición dun Plan de Acción de mínimos a dous anos (dende maio de 2013 ata maio de 2015). Este plan ten os seguintes obxectivos: mellorar a información turística dispoñible e a visibilidade do territorio como multidestino turístico; crear produtos turísticos e interese para posicionar a Área Santiago nos mercados; aumentar o valor engadido da oferta turística actualmente existente, a través da posta en valor de recursos con moito potencial (gastronomía, pesca, sendeiros, ríos, etc.); en consecuencia, aumentar o número de visitantes e de pernoctacións no destino/multidestino Área Santiago.

Como indicou a concelleira de Turismo, Reis leis, "esta experiencia supón un interesante traballo en rede e intercambio de experiencias, non só a nivel político e técnico, senón tamén veciñal, que está a ver os seus froitos en exemplos de colaboración intermunicipal como o do grupo de 8 Concellos Xenerais da Ulla".

Para o cumprimento dos obxectivos mencionados no Plan de Acción, procedeuse a elaborar un plan económico considerando dúas vías de ingreso: a achega equilibrada de cada concello e as subvencións que se poidan captar da Administración autonómica, as Deputacións provinciais e outras fontes.

Neste sentido, as reunións coa Axencia de Turismo de Galicia puxeron sobre a mesa a necesidade de encontrar a forma xurídica axeitada para acceder ás liñas de financiamento previstas en principio para os xeodestinos. Para tomar a decisión máis axeitada recorreuse ao asesoramento do Secretario e o Interventor do Concello de Santiago, o asesor legal de Turismo de Santiago e os interventores e secretarios doutros concellos membros, do que resultou un borrador de convenio que se presentou aos 18 concellos para consensuar definitivamente a forma xurídica máis axeitada.

Dese consenso resulta o convenio marco que aprobou o Pleno, e que deberá ser ratificado coa firma dos 16 concellos inicialmente constituíntes de Área Santiago (xa que a aprobación en pleno ten que ser por maioría de todos os seus membros). O documento parte da necesidade de "impulsar medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles" para a prestación de servizos de calidade minimizando custos a través da xestión compartida. "Este principio de colaboración interadministrativa contemplado pola Lei é especialmente válido en tempos de crise económica, como parte dunha política responsable, solidaria, equitativa e administrativamente eficiente", salientou a concelleira.

Convenio marco
Da lectura do convenio, destacan puntos como:
- O obxectivo da colaboración, que é posibilitar a promoción turístico-económica do grupo, minorando os custos que implicaría a súa promoción illada e ofrecendo unha lectura territorial coherente e planificada que poña en valor os recursos da zona.

- O nomeamento do Concello de Santiago de Compostela, a través dá sociedade pública municipal "Información e Comunicación Local, S.A. " (Turismo de Santiago de Compostela) como xestor do convenio.

- A constitución dunha Comisión Mixta para o seguimento, cumprimento e coordinación do convenio.

- A potestade de solicitar axudas á Xunta de Galicia, deputacións provinciais e calquera outra Administración ou institución con competencias en materia de turismo ou de desenvolvemento rural e rexional.

- O compromiso dos concellos de garantir un financiamento suficiente e estable para o funcionamento da promoción turística conxunta, habilitando as aplicacións presupostarias certificadas polos seus interventores e secretarios en consonancia co presuposto elaborado cada ano pola Comisión Mixta. Este presuposto queda fixado para o exercicio 2014 en 45.000 euros.

- A repartición do presuposto en función de catro criterios: poboación, superficie, último presuposto municipal aprobado en pleno e prazas turísticas (capacidade aloxativa).

- E finalmente a vixencia do convenio, que vai dende a súa firma por todos os concellos ata o 31 de decembro de 2016.

Outros asuntos
O Pleno da Corporación tamén aprobou a modificación puntual do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) relativa ao incremento de densidade dos solos urbanizables non delimitados (SUND) e deuse conta do informe anual de queixas e suxestións correspondente ao ano 2013.

Compartir: