CENTROS SOCIOCULTURAIS

O centro sociocultural de Santa Marta amosa o traballo de nove compañías na sétima edición do Ciclo de Teatro Comunitario

25/03/2014 A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis coa Comisión cultural da Facultade de CC da Educación no desenvolvemento do Ciclo de Teatro Comunitario, que presentou o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, en rolda de prensa.

Impulsados por unha banda a continuar a desenvolver accións de dinamización e apoio ao teatro amador do que moitos centros e locais socioculturais teñen sido e son xérmolos de iniciativas e por outra a manter fluidas e vivas as canles de novas colaboracións coa Universidade, a Concellería sumouse ao proxecto da USC que este ano visibilízase como Proxecto de creación escénica. Trátase de promover a apertura a un teatro anovador e de creación no que as agrupacións poidan establecer contacto con novos modos de facer e afrontar o reto creativo e expresivo.

A VII edición deste evento desenvolverá a súa fase de mostra en varios espazos do Centro Sociocultural de Santa Marta os próximos dias 2,3 e 4 de abril amosando o traballo de nove compañías de teatro amador que participan do Proxecto AD HOC e que arredor do eixo temático "A convivencia entre linguas" tratarán libremente- en pezas teatrais de non mais de 12/15 minutos -de amosar e visibilizar o tema aos espectadores.

A Concellería de Centros Socioculturais destaca a oportunidade de localizar no novo centro sociocultural de StaMarta esta programación dada a súa especialización dentro da rede para os contidos artísticos e escénicos e co obxectivo de manter unha liña de traballo continuado en torno ao traballo afeccionado.

As nove compañías que poderán verse son as concurrentes ao I Proxecto de creación escénica AD HOC convocado no mes de outubro de 2013 pola USC: Carauta, Enlata, Teatro do Peto, Tolemia, Tuideas, Feito a propósito, Iliria, Farrapo e O Aturuxo de Melpómene.

O programa da Mostra do PROXECTO AD HOC prevé que cada día haxa tres montaxes simultáneas en distintas salas e espazos do centro, con ata catro pases de cada peza para que o público (entre 15 e 30 espectadores por pase) poida achegarse ao traballo dos grupos.

Os espazos elixidos do centro sociocultural para acoller estas microrepresentacións son diversos, desde salas de usos múltiples, ata espazos axardinados, a terraza do centro e mesmo a propia Sala Agustín Magán, apostando en definitiva pola versatilidade e a mobilidade.

Ao remate das presentacións das tres montaxes de cada día, os compoñentes das compañías terán un encontro co público (45 minutos) no que se establecerá un dialogo artístas/espectadores
Os interesados en asistir como público á Mostra de Creación escénica poderán recoller gratuitamente a súa entrada-invitación a partir do xoves 27 de marzo, tanto nos centros socioculturais de Santa Marta, Ensanche e Vite como na secretaría das dúas sedes da Facultade de Ciencias da Educación. Dado que o aforo para os pases é limitado, non se poderá acceder ás salas sen presentación da entrada-invitación.

A Concellería de Centros Socioculturais apoia o proxecto deste ano non soamente coa cesión de espazos para a celebración da mostra e para a formación das tres compañías máis votadas senon tamén co apoio na organización e divulgación deste novo Proxecto de creación universitario, que leva preparándose xa desde o pasado curso 2013 con sucesivas xuntanzas de traballo.

A organización do Ciclo e do Certame de creación escénica é traballo da Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación e de Enlata Teatro, grupo de Teatro da Facultade de CC da educación da USC.

Descarga do programa de man explicativo do VII Ciclo de Teatro Comunitario e información dos pases en:
www.santiagosociocultural.org

Enderezos de interese:
Csc Sta.Marta/ Rúa Antonio Rama Seoane 6 Teléfono. 981.543017
Csc Vite/ Rúa Carlos Maside 7. Teléfono. 981.542490
Csc O Ensanche/ Rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo. Teléfono 981.543001

Documentos relacionados



Compartir: