ALCALDÍA

O Concello de Santiago de Compostela dedicaralle unha rúa a Adolfo Suárez

24/03/2014 O Concello de Santiago quere render homenaxe ao primeiro presidente do goberno da democracia, que falecía aos 81 anos como consecuencia da evolución do alzhéimer que padecía, cunha rúa ao seu nome. Así o anuciou o alcalde compostelán a través de Twitter.

"O Concello de Santiago terá unha rúa denominada Adolfo Suárez González, dedicada ao presidente que construíu a España democrática". Así comunicaba a decisión Ángel Currás vía Twitter, unha decisión que xa se acordara en sesión plenaria o 23 de febreiro de 2012 e que, segundo o rexedor, se levará a cabo en canto o permita o rueiro da cidade.

Currás salientou a figura política de Suárez, a quen definiu coma "un home de estado moi xeneroso e audaz", "artífice da democaracia" e lembrou que "xogou un papel decisivo na Transición, un papel de concordia e de consenso". Polo tanto, indicou o rexedor, "é de xustiza esta homenaxe".

Adolfo Suárez, nado en Ávila o 25 de setembro de 1932, foi o home que fixo posible a Transición politica en España tras catro décadas de dictadura. Licenciado en Dereito por libre en Salamanca, ocupou distintos postos na administración e participou dende moi novo na vida política. Tivo unha gran vinculación con Galicia, sobre todo coa cidade da Coruña, de onde eran seu pai e seu avó.

Compartir: