FESTAS

Gran participación dos composteláns nas Festas do Apóstolo

27/07/2006 Cumpridas as dúas semanas de Festas do Apóstolo 2006, Xosé Baqueiro, concelleiro de Festas de Santiago, fai un balance destes días onde o resultado supera as expectativas iniciais. Segundo sinala Baqueiro, "a participación deste ano é moi superior á do ano anterior, comezando polo pregón, onde se congregaron 16.000 persoas no Obradoiro".

O programa destas Festas pretendía presentar unha ampla oferta, de calidade e de portas abertas, fin que cumpriu á perfección "contando cunha gran variedade de asistentes ás diferentes actividades", destaca Baqueiro. O concelleiro apunta a "excelente participación de todos os composteláns nestas festas, que aínda que contan cun gran número de visitantes, seguen sendo para os santiagueses".

Por outra banda, a noite do 24 de xullo, véspera do Día Grande de Galicia, viviuse un emocionante espectáculo cos Fogos Artificiais. 120.000 persoas achegáronse ata o casco histórico da cidade para festexar este día. Neste sentido, Baqueiro destaca o "gran civismo que reinou nesa noite e a coordinación e esforzo dos corpos de seguridade do Estado, a Policía Local, Cruz Vermella, Protección Civil e os servizos xerais do Concello, que conseguiron que todo transcorrese con total normalidad".

XXVIII Día do Traxe Galego

As rúas de Compostela inundaranse o venres 28 de centos de persoas ataviadas co tradicional traxe galego, para conmemorar a XXVIII edición do Día do Traxe Galego. Dende a Asociación do Traxe Galego fan un chamamento para que todos os que dispoñan deste traxe saian ás rúas con eles, para festexar todos xuntos esta importante tradición galega. Segundo sinala a presidenta da Asociación, Pilar Domínguez, "cómpre acabar coa marxinación que existe en Galicia e impulsar as nosas tradicións e valores; hai que ser defensores da nosa cultura".

A xornada comezará ás 11:00 horas cunha concentración na Alameda. Haberá un desfile que chegará ata á Catedral. Para participar nos desfiles non é preciso inscribirse; só presentarse uns minutos antes. Ás 12:00 horas terá lugar a misa solemne e a tradicional ofrenda ao Apóstolo. Ás 13:15 horas a Corporación Municipal ofrecerá unha recepción de honra.

Xa ás 16:00 horas terá lugar o Certame do Traxe en San Domingos de Bonaval. Ás 19:30 haberá un desfile dende as Portas do Museo do Pobo Galego, que rematará na Quintana coa tradicional exhibición dos traxes e entrega de premios. Agárdase que participen no certame arredor de 70 persoas. Ademais, este ano creouse unha nova categoría de premio para as pezas soltas dos traxes.

2.500 amantes do funky na Quintana

A actuación de Maceo Parker na Quintana non decepcionou a ninguén. As expectativas creadas para este concerto, único que ofrece en Galicia, cumpríronse con creces. Preto de 2.500 persoas vibraron coa calidade da súa música. Un concerto de máxima calidade, cun público moi melómano e selecto, que puido escoitar en directo ao mellor artista funky do momento. Foi unha actuación moi coidada e o público respondeu a esta calidade, disposto a gozar as notas musicais deste artista.

Compartir: