MOBILIDADE

Iníciase o proceso para a contratación do servizo de cafetería da estación de autobuses

21/03/2014 O concelleiro de Mobilidade, Luis Bello, anunciou en rolda de prensa a aprobación por parte do Consello de Administración de Tussa da posta en marcha do proceso de adxudicación da cafetería da estación de autobuses o pasado luns 17.

Segundo indicou o edil, o vindeiro luns día 24 sairá publicado o novo prego de condicións no Diario Oficial de Galicia e no perfil do contratante da empresa municipal Tussa (www.tussa.org). Este prego pretende adaptarse á situación actual do sector hostaleiro que, como outros, "non escapa da coxuntura actual" de crise.

Para o concelleiro trátase dun servizo indispensable e de aí que se esté a traballar coa máxima celeridade desde o seu departamento para que poida entrar en funcionamento o antes posible. "Debemos ter en conta que estamos a falar dunha instalación pola que pasan máis de 25.000 autobuses ao ano con distintas orixes e destinos, tanto urbanos como de cercanías, autonómicos, nacionais e internacionais, sendo un escaparate máis da globalidade da nosa cidade", indicou Bello.

A partir da publicación ábrese un prazo de 30 días para que as empresas interesadas poidan presentar ofertas. Tanto o edil coma o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, esperan unha maior concorrencia que en anteriores ocasións, xa que se fixo un prego de condicións máis levadeiro. O obxectivo é que canto antes poida estar resolto o proceso para contar cunha cafetería que poida dar acollida aos usuarios, visitantes e peregrinos que acoden a Santiago.

No que respecta aos traballadores, Luis Bello, xa manifestara a súa inteción de facer todo o posible para que a nova empresa os manteña no seu posto e así llo trasladou na reunión que mantivo con eles hai unhas semanas.

Incendio no Pedroso

Preguntado sobre o incendio acontecido no Pedroso, no lugar de Xulacasa (Figueiras), o concelleiro de Seguridade indicou que se iniciou sobre as 17.30 h e ata alí desprazaráronse membros dos Bombeiros, Policía Local e Protección Civil. Actuaron dous camións, un de extinción e a nodriza, así como os servizos de extinción da Xunta con dúas motobombas e un helicóptero. Sobre as 20.30 horas xa estaba controlado un lume que queimou 8 hectáreas de terreo arborado.

Compartir: