CULTURA

Oito novos concertos no Compostela Rock e tres en Sons’14

20/03/2014 Entre eles destaca a nova colaboración entre o ciclo Compostela Rock e o Galicia Importa que traerán a Compostela a Nick Waterhouse, The Dream Syndicate e Laredo. No Compostela Rock estarán tamén, entre outros, B-Real, Xzibit, Demrick, Bart Davenport, Why go, The Entrance Band, Cuello, La Dance, Músculo! e varios grupos de reggae galego. Ao programa de Sons’14 engadimos os concertos de aCadaCanto, Fetén Fetén e Zenet

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá as novas incorporacións ao programa xa presentado a inicio de ano dos ciclos Sons’14 e Compostela Rock. Estivo acompañado de David Lago, de Sweet Nocturna, produtora que organiza o ciclo Galicia Importa cuxa colaboración co Compostela Rock traerá a Compostela a Nick Waterhouse, a The Dream Syndicate e a Laredo. En total, ademais deses dous concertos xunto ao Galicia Importa, teremos outras seis incorporacións ao Compostela Rock e tres máis a Sons’14.

Entre os novos concertos de Compostela Rock destacan, como comentábamos os dous que se farán en colaboración co ciclo Galicia Importa. O primeiro deles será xa o xoves que vén, 27 de marzo, na Sala Capitol onde poderemos escoitar a Nick Waterhouse. O seguinte será o debut en Galicia de The Dream Syndicate, o 8 de maio tamén na Capitol onde estarán acompañados polos madrileños Laredo.

Outra das novas propostas que hoxe presentamos ten como protagonista o hip-hop. O 28 de marzo estarán B-Real, Xzibit e Demrick acompañados por Comando Katana e Norweside nunha noite na Capitol na que o hip-hop será o auténtico protagonista. O 30 de abril chega desde Los Angeles o pop de Bart Davenport e o 1 de maio os vigueses Why go presentan o seu novo libro-CD ‘Kara’ na Zona C.

O 3 de maio teremos a oportunidade de escoitar a Quique González despois de que tivera que pospoñer o seu concerto a principios de ano por un problema de saúde. Presentará na Sala Capitol o seu novo disco ‘Delantera mítica’. E o 11 de maio teremos unha nova cita co triCiclo que chega xa a súa quinta edición. Estará Paz Lenchantin, a nova baixista de Pixies e anteriormente en A Perfect Circle e Smashing Pumpkins, co seu grupo The Entrance Band, un dos máis destacados do rock psicodélico actual. Tamén estarán o valencianos Cuello presentando o seu segundo disco "Modo Eterno" e unha banda por confirmar.

En xuño, o día 5, poderemos escoitar na Zona C os novos traballos de La Dance e Músculo! nun concerto en colaboración con Desconcierto Cultural e que será a presentación da Romaría Pop. E pechamos este listado de novas incorporacións cunha noite de reggae galego que organizamos na Sala Capitol en colaboración coa asociación Minho Reagge. Será o 21 de xuño e poderemos escoitar a Zamaramandi, Transilvanians, Natural Green e Meninos Carentes.

Sons’14
Ao programa xa presentado de Sons’14 incorporamos agora tres novas citas. O venres 9 de maio aCadacanto presentan no Salón Teatro o seu novo disco ‘A rosa d’Adina’; o venres 30 de maio, tamén no Salón Teatro, poderemos escoitar a Fetén, Fetén co seu novo disco ‘Bailables’; e xa en xuño, o venres 6, e na Sala Capitol os malagueños Zenet presentan o seu novo disco ‘Soñar contigo’, unha selección das súas grandes cancións.

Compartir: