XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aprobou os prazos de matriculación na Escola Municipal de Música

20/03/2014 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou os prazos para matricularse na Escola Municipal de Música para o curso 2014-2015. Entre outros asuntos, a voceira María Pardo tamén deu conta da nova denominación do parque de San Roque.

A proposta da concelleira de Educación, os prazos para matricularse na Escola Municipal de Música para o vindeiro curso son os seguintes:
-Alumnado actual do centro: do 1 ao 11 de abril.
-Novo alumnado 1ª convocatoria: do 9 ao 20 de xuño.
-Novo alumnado 2ª convocatoria: do 1 ao 31 de xullo.
-Novo alumnado 3ª convocatoria: do 1 ao 30 de setembro.
A matrícula ten un custe de 59,50 € á que se engade unha cuota mensual que varía entre os 35,65 € e os 53,50 € en función da actividade.

Tamén no ámbito de Educación, aprobouse a XIV Campaña Municipal de animación á lectura "MAMÁ", que se desenvolverá entre o 22 de abril e o 31 de maio. Trátase de achegar a lectura aos nenos e de crear un clima agradable e motivador que favoreza a escoita e o poder da palabra como elemento evocador ao tempo que se promoven as tradicións e expresións orais. Haberá visitas guiadas, obradoiros de ilustración, obradoiro de escrita creativa e sesións de contos para bebés. O orzamento destinado a esta campaña é de 21.185,19 €.

Da área de Servizos Sociais, apróbase un convenio de colaboración entre o Concello e a UNED para a realización do practicum do alumnado do máster de Psicoloxía Xeral sanitaria no ámbito da atención ás drogodependencias.

Área de Desenvolvemento Urbano Sostible
A Xunta de Goberno tratou varios asuntos procedentes desta área, entre eles a aprobación da nova denominación do parque de San Roque. Será "parque da Ciencias Padre Sarmiento". Este xardín ubicado detás do vello Hospital de San Roque foi acondicionado fai anos pero era un lugar anodino e carente de mobiliario. O Concello pretende converter este espazo nun sitio mellor aproveitado no que se ubicará un parque infantil e no que no futuro podería engadirse un circuíto biosaudable. Ademais os bancos que se instalen levarán un placa con nomes de científicos que a Real Academia Galega ten homenaxeado.

Tamén se deu luz verde á subida das tarifas de prezos para 2014 dos servizos da empresa Tanatorio San Lázaro SL, de acordo coa revisión do IPC. Así mesmo, deuse conta da concesión da subvención e de consideración de aula de referencia do Plan de inclusión dixital de Galicia, pola Axencia para a modernización tecnológica de Galicia por importe de 15.000 euros. O Concello achegará a este proxecto 11.313 euros.

Torneo de Rol
Noutra orde de cousas, aprobouse a celebración dun Torneo de Rol no CSC O Ensanche a proposta da concelleira de Xuventude. Trátase dun tipo de xogo que non ten nin fichas nin regras tan só se basea na interpretación dun personaxe por parte dos xogadores. O diálogo, a imaxinación e a aventura son as premisas para este tipo de xogos que permiten socializarse. O orzamento desta acción será de 700 €.

Por último, deuse conta dunha sanción á construtora Construcciones en Piedra Sigrás por un restraso inxustificado de 145 días nas obras do catalizador de Belvís así como da remisión da documentación solicitada á Fiscalía provincial da Coruña sobre o proxecto de reforma de accesos na rúa Galers e Domingo García-Sabell. Tamén se aproba considerar firme o acordo de data 18 de decembro de inadmisión dun recurso polo que xa se pode formalizar o contrato do servizo de telecomunicacións do Concello, que aúna telefonía fixa, móbil, datos e CAU (Centro de Atención ao Usuario). Importe: 326.216,41 euros, IVE incluído.

Compartir: