DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Máis de 1600 cidadáns visitaron o Centro de Interpreción Ambiental de Compostela no último ano

18/03/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Sostible, María Pardo, fixo balance deste último ano de actividade do CIAC, ubicado en Belvís, polo que pasaron máis de 1600 composteláns para participar nas actividades, obradoiros e xornadas que se programaron no equipamento trala súa posta en marcha. Estes datos supoñen entre 7 e 10 veces máis visitas que na anterior etapa de funcionamento do centro.

Durante este primeiro ano de traballo (entre o 15 de marzo de 2013 e o 31 de febreiro de 2014) ao redor da interpretación e a educación ambiental, no CIAC realizáronse numerosas actividades: visitas á exposición permante, obradoiros, roteiros ou actividades adaptadas. Tamén se colaborou con entidades sociais da cidade de diferente índole e traballouse con público diverso, adulto e infantil.

Deste xeito, realizouse unha Xornada de portas abertas para a cidadanía o 27 de abril á que asistiron máis de 120 persoas para coñecer o funcionamento do centro. A partir de aí comezaron a organizarse cursos de diferentes temáticas entre as que salientan os de horticultura urbana, de agricultura ecolóxica, de compostaxe doméstica, de xabrón ou de lectura de etiquetas. Estes dous últimos volveranse facer, debido á alta demanda. Así mesmo, o CIAC organizou obradoiros e actividades paralelas ás propias do barrio, como unha forma de introducirse de cheo na cidade e na contorna máis próxima, como foi o obradoiro medioambiental na Romaría Pop ou o contacontos ambiental dentro das festas do barrio de San Pedro. Tamén se organizaron festas tradicionais como o magosto ou un obradoiro de adornos Nadal e consumo. Estas accións complétanse con roteiros os últimos sábados de cada mes.

Pero o CIAC non só oferta programación propia; cada vez son máis as asociacións que deciden organizar os seus obradoiros de temática ambiental empregando este espazo. Así mesmo, cabe salientar a celebración en xaneiro do Encontro Galego de Educación Ambiental, onde se reuniron uns 100 expertos na materia. Os colexios, os centros socioculturais ou as entidades sociais tamén visitaron o CIAC neste ano de volta ao funcionamento.

En total, o centro recibiu unha media de 200 persoas cada mes, o que fai un total de 1600 no tempo que leva en funcionamento. Delas, o 30% eran escolares, o 22% correspóndese con visitas espontáneas, o 20% achegouse atraídas polas actividades do centro, outro 20% polas actividades externas e o 8% foron visitas concertadas non escolares. O facebook recibiu 1500 impactos mensuais.

A concelleira de Medio Ambiente mostrouse moi satisfeita polo funcionamento do centro e pola xestión da empresa adxudicatarias e comprometeuse a seguir potenciandoo e facendo un maior esforzo de difusión das actividades. Entre as que virán de seguido salienta un encontro de horta urbana o 22 de marzo ou un roteiro interpretativo por Belvís o 29 de marzo e o 26 de abril.

Documentos relacionados



Compartir: