URBANISMO

Conta atrás para a apertura dos parques das prazas de Vigo e Galicia

17/03/2014 A concelleira da área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, visitou as obras que se están a levar a cabo nas prazas de Galicia e Vigo para a construción de sendos parques infantís. Estarán abertos neste mes de marzo.

Tan só restan as últimas actuacións para que os veciños do Ensanche, principalmente, poidan disfrutar de dous novos equipamentos, pensados para que poidan ser usados tanto por maiores como por pequenos. Na praza de Vigo só quedan os elementos de xardinería e probar a fonte, que se fará mañá. Xa está instalados tanto o tíovivo para nenos con mobilidade reducida como ginkana e prevese que poida abrir xa o luns da vindeira semana. O parque da praza de Galicia tamén abrirá este mes de marzo, aínda que se pechará co horario da praza para preservar o seu bo uso.

A concelleira indicou que o goberno está facendo un esforzo importante por darlle vida e uso a unhas prazas que ata o de agora non o tiñan e salientou que estamos na cidade de España con mellora calidade de aire despois de Zaragoza, segundo estudos da OMS e da Universidade.

Praza de Galicia
Esta actuación pretende que "esta non sexa unha mera zona de paso, senón unha zona de estancia familiar", indicou María Pardo. Dada a imposibilidade dunha reurbanización, debido á existencia dunha concesión no aparcadoiro soterrado baixo a praza, apuntou que o parque era unha boa solución para un "espazo desaproveitado" na actualidade.

Para a construción do parque, retirouse a caseta metálica da praza, que foi trasladada a Tras Parlamento. Construiuse un parque infantil duns 240 metros cadrados, dividido en dúas áreas, separadas da calzada por unha parte cun muro vexetal de 1,80 metros. "Trátase de crear unha barreira visual e de seguridade cos vehículos", explicou a concelleira. O resto da praza, indicou, non leva ningún cerramento.

Un elemento destacado é a fonte que leva na parte central. Tamén se renovaron parte das especies vexetais e instalouse novo mobiliario, como cadeiras e unha pérgola.

En canto ao parque, facendo honor ao nome a praza, recrea nas súas dúas zonas, a través do seu chan e dos seus elementos de xogo, a Galicia dos bosques e a Galicia marítima. Ésta área infantil, ao igual que todas as que se están construíndo na cidade, leva elementos adaptados.

Praza de Vigo
A intervención, que contou cun orzamento de 125.000 euros máis IVE, divídese en dúas partes: a obra civil e a xardinería, e a parte que inclúe os xogos infantís, o circuíto biosaudable, o mobiliario e xogos de auga no estanque existente.

Así, no capitulo da obra civil e xardinería, estanse realizando novas plantacións vexetais, construíronse valos e portas e reubicáronse os bancos existentes, entre outros aspectos. Xa no eido particular da xardinería, plantouse unha nova árbore e as especies arbustivas situaranse segundo os planos xa delimitados.

En canto á área de xogos, ésta facilitará o uso por nenos e nenas de distintas idades e condición física, asegurando igualmente o acceso daqueles con mobilidade reducida. Entre os elementos destacados presentados pola adxudicataria figura un solo a modo de xogo da oca. Haberá unha cabana grande, balancíns, carrusel...

O circuíto biosaudable conta con elementos axeitados tanto para o acondicionamento físico como de saúde integral. Os aparellos están acompañados de carteis informativos sobre o circuíto e sobre cada elemento.

O mobiliario desta nova área está integrado por bancos, papeleiras, carteis e fontes. En relación a estas últimas, o pequeno estanque existente levará un sistema automatizado formado por varios difusores que supón un complemento estético e, ao mesmo tempo, un xogo para os nenos.

Outra das actuacións máis importantes na praza é a colocación dun valo perimetral, cunha altura de 1,5 metros, que permitirá pechar o parque pola noite. Ten catro portas, cun peche único para todas. A zona axardinada tamén está protexida por un valo, pero neste caso de 0,90 metros de altura. En total, actuouse sobre unha superficie de 400 metros cadrados, complementada polas que tamén se farán nas beirarrúas.

Outras obras
Pregunda a respecto doutras en obras en marcha na cidade, a edil de Urbanismo indicou que en San Pedro estará rematada a rúa,o adoquín e as beirarrúas a final de mes. Para abril quedaría o mobiliario e xa se podería abrir á circulación unha vez que fragüe, para o que se necesita un mes aproximadamente. María Pardo lembrou tamén que existe un proxecto feito para a reforma de Rosalía de Castro, pendente do estudo de mobilidade.

Compartir: