DEPORTES

Santiago acolle este sábado a primeira proba de BTT nocturna que se celebra en Galicia.

14/03/2014 Arranca así o I Campionato BTT Cidade de Compostela, que terá dúas probas máis en maio e xuño.
Un total de 300 corredores medirán a súa habilidade sobre as súas bicicletas de montaña a partir das 20h. e nun circuíto pechado que cubrirá unha distancia total de aproximadamente 25,5 km.
A proba terá como aperitivo previo unha Mini BTT Infantil para nenos e nenas de entre 6 e 16 anos.

Un total de 300 corredores participarán este sábado en Santiago na primeira proba nocturna de BTT (proba de habilidade para bicicleta de montaña) que se celebra en Galicia e coa que arrancará o primeiro Campionato BTT Cidade de Compostela que -organizado por Imaxson Sports en colaboración co Concello de Santiago e o Club Btt Ultreia e co patrocinio de Gadis, Coca Cola, a USC, Armaría Toribio, Oliveira Bike e El Corte Inglés- contará con dúas probas máis: o I Compostela BTT Maratón (10 e 11 de maio) e a II Compostela BTT Ruta+ I Compostrail (1 de xuño).

Ademais de ser unha proba inédita en Galicia, a BTT Nocturna que abre o campionato este sábado contará co aliciente engadido de estar realizada nunha zona urbana próxima ao centro compostelán e de moi doado acceso ao público. Así, os participantes (divididos en 2 categorías: de 16 a 30 anos e de máis de 30 anos) comezarán a competición ás 20h. no paseo central da Alameda e, tras un pequeno circuíto na zona de Santa Susana, cruzarán o Campus en dirección ao Monte da Condesa, onde realizarán outro mini circuíto para regresar de novo á Alameda.

En total, serán tres voltas a este percorrido cunha distancia de 25,5 km. (8,5 km. por volta aprox.), nun trazado mixto con rúas, beirarrúas e parques, iluminados parcialmente, cunha iluminación de baixa intensidade. O circuíto -que estará delimitado con fitas como nas probas de ciclocrós- contará tamén con obstáculos artificiais e zonas de saltos (de carácter optativo) e aproveitará a orografía do terreo para probar a pericia dos corredores con pendentes de terra e curtos sectores de escaleira.

Como aperitivo á BTT Nocturna, celebrarase previamente o primeiro Mini BTT Infantil, proba non competitiva para nenos e nenas de entre 6 e 16 anos que, divididos en tres categorías de idades, demostrarán a súa habilidade sobre a bicicleta de montaña a partir das 17 h. e nun tramo habilitado sobre o percorrido establecido para a BTT Nocturna (zona Alameda-Santa Susana).

Horarios e espazos
Mini BTT Infantil(Alameda-santa Susana. Saída: paseo central Alameda)
15,30 - 16,30h. Acreditacións e entregas de números
17,00 h. Saída da proba

I BTT Nocturna
(Alameda-Sta. Susana-Monte da Condesa. Saída: paseo ctral. Alameda)
18,00h. Entrega de números
19,00h.-19,30h. Percorridos de recoñecemento
20,00h. Saída da proba

Cortes de tráfico
Por mor da carreira, a partir das 19.00 horas e ata as 22.30 h pecharanse ao tráfico a avenida da Coruña, a avenida de Santiago e a avenida das Ciencias á altura da avenida de Vigo. Os cortes estarán debidamente sinalizados e atendidos.

Compartir: