URBANISMO

A rúa Raxoi experimentará unha completa reurbanización

14/03/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou o proxecto de reurbanizción da rúa Raxoi, segunda fase, que contará cunha inversión de 110.571,39 euros (IVE engadido). O prazo de execución é de catro meses.

A actuación, que executará a empresa Eulogio Viñal, ten por obxecto o acondicionamento do ámbito delimitado mediante a conservación e mellora do espazo público para a súa cualificación como lugar basicamente peonil. Con este obxectivo, levarase a cabo unha renovación completa da rúa, mudando os acabados de calzada, beirarrúas e instalacións.

O proxecto contempla a modificación do pavimento, que será uniforme de enlousado de pedra continuo, segundo o criterio da primeira fase, en granito silvestre sobre soleira de formigón armado. En canto ao abastecemento e saneamento, renovarase a instalación coa implantación de novas conducións. Cambiarase igualmente a rede de abastecemento domiciliario de auga. No que a electricidade se refire, realizarase o cambio das canalizacións e unificaranse nun único trazado as canalizacións de bt e as de mt. No caso da iluminación, mantense a actual, coas farolas de parede que existen en todo o casco histórico. Así mesmo, incorpórase unha rede nova de telecomunicacións para ter en conta a previsión de futuras liñas de diferentes compañías. En total actuarase sobre unha superficie de 275 metros cadrados.

Durante o tempo que duren as obras, 4 meses, a rúa estará cortada ao tráfico, polo que a carga e descarga dos negocios de restauración afectados se realizará pola Praza do Obradoiro.

Compartir: