DEPORTES

O Concello acometerá este ano as obras no campo de fútbol situado a carón do Psiquiátrico de Conxo

14/03/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, e o edil de Depores, Adrián Varela, visitaron o campo que xestionará o Concello en virtude do convenio asinado coa Consellería de Sanidade o pasado 12 de novembro. Unha das principais mellora consistirá no cambio do campo de terra por herba sintética. En total investirase medio millón de euros.

Segundo indicou o concelleiro de Deportes na visita, trátase dunha actuación moi demandada polos usuarios, xa que estamos ante unha instalación que empregan máis de 450 rapaces para a práctica deportiva. A intención é sacar a licitación o proxecto a partir do mes de maio.

É unha inversión complexa, de 500.000 eruos achegados por tres administracións: 250.000 euros por parte municipal; 230.000 euros da Deputación da Coruña; e a parte restante, correspondente á Xunta.

A actuación máis importante será a colocación de herba sintética no actual campo de terra. Ademais, acondicionarase o campo de herba natural, realizarase o peche perimetral das instalacións -separándoas así totalmente do centro sanitario- e cubrirase parte da grada. Así mesmo, cambiaranse as torretas de iluminación e construiranse novos vestiarios.

Sinatura do convenio
O Concello e a Consellería de Sanidade asinaron o pasado novembro un convenio sobre a concesión demanial dos espazos deportivos existentes no Hospital Psiquiátrico de Conxo en virtude do cal a entidade municipal asume o acondicionamento destas instalacións.

Grazas a esta cesión por un período de 75 anos, o Concello asumirá a xestión e o mantemento destes dous campos de fútbol, un de herba (6.045,15 m2) e outro de terra (7.710,56 m2), situados a carón do Hospital Psiquiátrico de Conxo e que xa veñen sendo utilizados a nivel local para a práctica deportiva. Estas instalacións ocupan ocupan unha superficie total de 22.692 metros cadrados.

O acordo permite tamén asumir unha zona de estacionamento de 1.600 m2, un espazo verde de 2.684,30 m2 e outros 4.403 m2 de espazos vinculados, ademais da parte de cafetería e vestiarios (186 m2).

Compartir: