NORMAILIZACÓN LINGÜÍSTICA

Comeza unha nova edición do Conto viaxeiro para fomentar o uso do galego entre os máis pequenos

13/03/2014 Por segundo ano, desde a Concellería de Normalización Lingüística ponse en marcha a creación dun conto colectivo coa participación dos centros escolares da cidade. Como novidade, este curso está prevista tamén a edición en papel do conto, que lle será enviada aos centros participantes.

O obxectivo deste proxecto é ofrecer un recurso para achegar os nenos e nenas á lingua e ofrecerlles argumentos positivos para o seu uso a través da participación na construción do Conto viaxeiro.

Os monitores da actividade achegaranse aos centros inscritos o día e a hora fixados e traballarán co grupo para estimular a súa expresividade e creatividade artística. O primeiro dos grupos iniciará unha historia, conducido polos guías, que se irá continuando en cada unha das seguintes sesións ata completar un texto ilustrado que se vai difundir a través da bitácora do Conto viaxeiro. En cada unha destas sesións iranse introducindo os elementos constituíntes do conto –os lugares, os personaxes, as situacións, os conflitos...-, favorecendo asemade o coñecemento e a reflexión sobre o contorno lingüístico e cultural.

De cada unha das dez sesións propostas, con grupos de primeiro ou segundo ciclo de educación primaria, irase dando conta no blog do proxecto, ao que a comunidade educativa poderá acceder en calquera momento para ver os textos, os debuxos, as imaxes, os recursos didácticos que se propoñen..., e tamén para achegar opinións ou propostas. O enderezo do conto elaborado o ano pasado é:
http://contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal
Como novidade, este curso está prevista tamén a edición en papel do conto, que lle será enviada aos centros participantes.

Os centros interesados en participar na actividade deben enviar cuberta a ficha anexa por correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello antes do 18 de marzo. Cada centro poderá solicitar un máximo de dúas sesións para realizar con cadanseu grupo-aula (se o número de alumnos/as o permite, poderán xuntar dous grupos). As solicitudes atenderanse por orde de entrada ata completar o número de sesións dispoñibles. Unha vez revisadas, comunicaráselles a través do correo electrónico o resultado, que procurará adaptarse na medida do posible ao seu pedimento.

Documentos relacionados



Compartir: