TURISMO

Turismo de Santiago aposta polo mercado alemán

12/03/2014 A empresa municipal de promoción turística desenvolverá un amplo programa de accións promocionais dirixidas ao público xermano.
Alemaña é o país con maior número de peregrinos, con máis de 15.000 ao ano, e é o segundo en número de pernoctacións tras Italia, con 50.000.

Turismo de Santiago desenvolverá un amplo programa de accións de promoción no mercado alemán. O obxectivo, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, é consolidar a imaxe de Santiago en Alemaña como un destino cultural, gastronómico e de natureza, cunha oferta turística que non se limita a ser o punto final do Camiño de Santiago.

Alemañá é un dos principais mercados internacionais para Santiago. É o país con maior número de peregrinos estranxeiros. E ocupa a segunda posición, tras Italia, no número de pernoctacións que suma na cidade cada ano, que rondan as 50.000. O obxectivo que se marca dende Turismo de Santiago é que a cifra de pernoctacións de alemáns alcancen por primeira vez as 60.000, superando así o récord logrado no Ano Santo Compostelán 2010, cando se chegou a 56.437.

Para conseguir o obxectivo de aumento no número de pernoctacións, segundo explicou Reyes Leis, desenvolveranse accións de promoción destinadas a promocionar unha imaxe da cidade que amose a súa oferta máis aló do Camiño de Santiago, que en Alemaña é moi coñecido grazas, en boa medida, ao libro de Hape Kerkerling, "Bueno, me largo", que vendeu máis de tres millóns de exemplares no país.

As accións de promoción inclúen a presenza nas dúas principais feiras turísticas do país, a ITB de Berlín, e a IMEX de Frankfurt. A ITB de Berlín celebrouse a semana pasada e as reunións e contactos que se mantiveron alí serviron para definir as accións que se desenvolverán nos vindeiros meses. A IMEX de Frankfurt, centrada no mundo de congresos, xornadas e incentivos, terá lugar no mes de maio.

Turismo de Santiago acordou co Instituto Cervantes que se fará unha presentación da cidade na súa sede dirixida aos profesionais do sector. A data concretarase en función da dispoñibilidade do propio Instituto. Tamén acordou en enviar material audiovisual sobre a cidade. Con parte deste material, seleccionado pola Santiago de Compostela Film Commission, faranse proxeccións públicas de películas e documentais sobre a cidade. O obxectivo é os usuarios do Instituto podan ter un maior coñecemento da cidade e comprobar que non Santiago non é só o destino do Camiño de Santiago senón que tamén conta cunha oferta turística diversa

Turismo de Santiago, en colaboración coa OET de Berlín, organizará tamén un presstrip con xornalistas especializados nos sector turístico para que podan coñecer Santiago de primeira man. A idea tamén é aproveitar a conexión de Vueling coa capital de Alemaña a través de Barcelona, onde a espera é inferior a dúas horas. O obxectivo é que aumente o tráfico neste enlace para que poda ser rendible para unha compañía aérea establecer unha conexión directa entre Santiago e Berlín.

Turismo de Santiago, a través da súa Santiago de Compostela Film Commission, tamén participará na vindeira edición da Berlinale. A Berlinale é un Festival de referencia en Europa, que conta con actividades paralelas de interese, como a European Film Market ou a Berlinale Co-production Market. Trátase dunha excelente plataforma de promoción de cidades como escenarios de rodaxes, polo que o obxectivo da Film Commission será promocionar Santiago como plató de cine.

Pero ademais das súas accións directas, Turismo de Santiago participou activamente na definición do mercado alemán como prioritario no plan de promoción do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Dentro destas accións inclúese unha acción inovadora para o grupo, que é a creación dun blog en alemán sobre as cidades patrimonio en colaboración cun touroperado alemán.

O grupo de Cidades tamén participará na "Spanien am Main", unha acción organizada por Turespaña dirixida ao público final que se celebrará en Frankfurt en agosto. Ademáis, o grupo desenvolverá accións de comercialezación directa en Munich e Hamburgo, visitando axencias de viaxes e touroperadores. Finalmente, organizará viaxes de xornalistas e profesionais do sector para que coñezan rutas de cidades patrimonio.

Compartir: