COMERCIO

O Concello desenvolverá unha páxina web para o Barrio de San Pedro

11/03/2014 O Concello resposta a unha petición dos veciños, que solicitaron ter presenza en Internet para poder dinamizar o barrio. Esta acción enmárcase dentro do Proxecto Urbana Santiago Norte, confinanciado pola UE a través dos fondos Feder.

O Concello de Santiago, a través do Proxecto Urbana Santiago Norte, desenvolverá unha páxina web específica para o Barrio de San Pedro, respostando así a unha petición da Asociación A Xuntanza e de múltiples veciños que participaron na acción de dinamización comercial que se desenvolveu en 2013 "San Pedro para vivir, San Pedro para coller. O uso e potencialidades dos locais comerciais baleiros", que solicitaron contar cunha presenza en Internet que servise de escaparate do barrio e como ferramenta de dinamización das súas actividades e de comunicación. A web estará en galego, castelán e inglés.
A nova web nace cos obxectivos de: dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do barrio de San Pedro; atrer visitantes e xerar movemento de xente como estímulo para o desenvolvemento comercial e económico; captación de novos veciños e veciñas para consolidación e renovación do tecido económico; e constituír en si mesmo unha ferramenta de comunicación e dinamización para o propio barrio.
O Concello comezará nos próximos días a recollida de datos dos negocios existentes no barrio de San Pedro para dotar de contido á web, que se porá en funcionamento nos próximos meses. A ficha de datos a recoller será: nome do establecemento, enderezo, sector, datos de contacto (teléfono, web, correo electrónico e redes sociais), horarios, fotografías do establecemento e campo libre para información que resulte de interese sobre o establecemento. Os mesmos datos recolleranse respecto ás entidades e asociacións existentes no barrio.
Ademais, en tanto que os novos hábitos de consumo están vinculados ao ocio, a web contará con información complementaria que anime á xente a acudir a dito eixo comercial a realizar as súa compras. De aí que o portal se dote de seccións coma a relación de servizos do barrio: aparcamentos, rueiro, lugares de interese turístico para visitar, axenda de eventos comerciais…

Compartir: