CULTURA

Once novos espectáculos de danza para este ano 2014

11/03/2014 As entradas están xa á venta cun bono específico mediante o cal se mercas a entrada para catro espectáculos aplícase un 20% de desconto no prezo

Santiago de Compostela, 10/03/2014.- O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia , José Víctor Carou, presentaron esta mañá a programación de danza enmarcada dentro do ciclo Teatro&Danza para este ano 2014. En total son once espectáculos entre os cales hai tres específicos para o público infantil e familiar. As entradas están xa á venta existindo un bono específico de danza mediante o cal se se adquiren entradas para catro dos espectáculos aplicarase un desconto do 20% nos prezos estipulados para as entradas soltas. Este programa conta con compañías galegas como La Incidente DT, trasPediante ou La Macana e con compañías chegadas desde fora tamén moi recoñecidas como pode ser Teresa Nieto en Compañía ou La Incidente.

O programa comeza o domingo 23 de marzo coa chegada ao Teatro Principal da compañía Losdedae Danza formada por Chevi Muraday e Marta Etura. Ambos únense nun novo proxecto que nos presentarán, ‘Return’, no que comparten inquietudes e no que a danza e a palabra dialogan nun mesmo plano. Indagan nas relación de parella e as frustracións que se orixinan ante as expectativas propias e as xeradas pola sociedade.

En abril chega o primeiro dos espectáculos dirixidos aos máis pequenos: ‘Paseo pola danza’ con la Incidente DT. Será o sábado día 5 na sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta) e trátase dun espectáculo didáctico impartido por Leodán Rodríguez e Isabel Sánchez. Ese mesmo día pero no Teatro Principal teremos unha proposta para o público adulto: Cristina Montero e Rut Balbís presentan ‘Momento Blooming’, onde conxugan momentos íntimos con momentos superficiais, choros e risas, inxenuidade e ensoñación, realidade e ficción.

O día 8 de abril poderemos ver no Teatro Principal a proposta do colectivo coruñés ‘Fume’ que se move entre as sombras, o cinema e a danza. Con idea, dirección e interpretación de Anxela Blanco, esta proposta acadou o Premio Nacional INJUVE á Creación Escénica 2012. E en abril tamén celebramos na cidade o XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea USC no Teatro Principal. Oito propostas que se poderán ver os días 8 e 9 e cuxa entrada será de balde previa retirada de convites. Ademais, con esta entrada farase un desconto de 1 euro nos outros espectáculos do programa de danza.

O 26 de abril chega a segunda das propostas infantís: ‘Baleadas’ da compañía compostelá trasPediante. Un xogo coas baleas, coas cores e tamén co público de todas as idades onde danza, plástica, música, palabras e animación bailan e interactúan, refacéndose no mesmo espectáculo que será tamén no Teatro Principal. Péchase a programación deste mes, o día 29, con ‘El Ansia’ no Principal. Vaidade, paixón, prexuízos, cultura e dor son os ingredientes desta poesía en movemento de Javier Martín, bailada a través das contradicións cotiás dunha vida de xeito evidente desconforme cos arredores e consigo mesma.

O 4 de maio chega ao Principal a compañía catalá de circo "eia" co seu espectáculo ‘Capas’ que é o terceiro do programa dirixido especificamente aos máis pequenos da casa. ‘Capas’ lévanos a un lugar familiar feito de encontros calorosos, ás veces contraditorios e sorprendentes. As artes circenses traballadas alternativamente con enerxía, dozura e autoironía mestúranse coa música en directo e coa danza neste espectáculo cheo de poesía e humor.

En maio, o día 8, a compañía coruñesa La Macana presenta no Teatro Principal ‘NoTitleYet’, proxecto que nace da colaboración da compañía co artista plástico francés Vladimir Cruells. Nela, Alexis Fernández leva ao espectador a un espectáculo enormemente físico, tenro, divertido e animal, onde o corpo se move libremente, transformando o espazo de maneira natural. Ata os seus propios límites.

Despois do verán, xa no mes de outubro, o día 15, chega á cidade a coñecida Teresa Nieto coa súa compañía que nos presentarán ‘Petit Comité’. A propia Nieto (Premio Nacional de Danza 2004 e galardoada repetidamente nos premios Max) fala do espectáculo coas seguintes palabras: "Dende os meus cuarteis de inverno escribín estas seis notas para que as leas na miña ausencia. Son pequenos poemas elaborados só con luz e carne. Para ti seis buscas, seis desexos, seis emocións, seis encontros, seis estados, seis vivencias… seis evanescencias que espero que recordes".

Pechamos a programación que hoxe presentamos, á que poden engadirse máis espectáculos ao longo do ano, con ‘Best of you’ da compañía catalá La Intrusa. Será o día 29 de outubro no Teatro Principal. Trátase dun espectáculo de música e danza onde os tres intérpretes viaxan por unha partitura de tensións acumuladas mentres buscan, con boas intencións, o alivio.

Entradas á venta
As entradas poden mercarse todas no despacho de billetes do Teatro Principal (aberta de 18.00 a 21.00h de martes a sábado e os días de evento), en Novagalicia Banco (web e teléfono) así como nos espazos onde se celebran os eventos. Está a disposición do público un Bono de Danza mediante o cal adquirindo entradas para catro espectáculos (a excepción dos familiares ‘Baleadas’ e ‘Paseo pola danza’) aplicarase un desconto do 20% sobre o prezo das entradas soltas.

Compartir: