ALCALDÍA

Compostela e Santiago de los Caballeros, cidades irmás

26/07/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e o alcalde de Santiago de los Caballeros (República Dominicana), José Enrique Sued, ratificaron o irmandamento que ámbalas vilas asinaran o pasado 25 de novembro en terras americanas. Nun acto celebrado en Raxoi, refrendaron os compromisos entre estas dúas cidades, que comparten nome, pero tamén experiencias comúns en cuestións turísticas, económicas, culturais e patrimoniais.

Esta ratificación plasmouse nun convenio de cooperación entre ámbalas cidades, baseado na realización de futuros intercambios culturais, sociais, económicos e turísticos. En concreto, a acta establece que ámbolos dous municipios desenvolverán un programa de cooperación centrado "no desenvolvemento estratéxico de centros históricos, educación ambiental integral e manexo integral dos refugallos sólidos".

O Concello de Santiago apoiará ao seu homónimo americano na realización de consultorías e asesorías "para fomentar unha dinámica favorable á reconstrución da diversidade de actividades, a rexeneración do tecido residencial e á revitalización social e funcional mediante a preservación dos valores arquitectónicos e ambientais". Igualmente, apoiarase a creación dunha consultoría de educación ambiental. Ámbalas vilas colaborarán tamén nun programa de turismo patrimonial e peregrinación relixiosa. O convenio ten unha vixencia de catro anos.

O irmandamento realizouse nun acto institucional celebrado no Pazo de Raxoi onde, ademais da ratificación, José Enrique Sued asinou no Libro de Honra da Cidade. A delegación dominicana atópase en Compostela dende o pasado domingo 23. Nos cinco días de estanza en Compostela está a realizar distintas visitas e a participar en varios actos.

Santiago de los Caballeros foi fundada en 1495 por Cristóbal Colón, constituíndose no primeiro Santiago de América en honra ao Apóstolo Santiago. A tradición conta que os primeiros poboadores foron trinta cabaleiros da Orde de Santiago o Maior, polo que en 1504 pasou a chamarse Santiago de los Caballeros.

É a segunda cidade en importancia da República Dominicana e a capital industrial deste país. Cunha poboación de máis de 600.000 habitantes, é coñecida como a "cidade corazón" polas súas importantes iniciativas no plano social, económico, político e cultural do país. Ademais, comparte con Compostela o feito de ter un importante centro histórico, que nestes momentos está a rehabilitar. Ademais, como Santiago, ten o seu propio Plan Estratéxico cun horizonte fixado en 2010.

Compartir: