BOMBEIROS

O parque de bombeiros moderniza a súa flota

05/04/2005 A praza do Obradoiro acolleu a presentación do equipamento do Servizo de Extinción de Incendios de Santiago, tras asinar o 1 de abril o convenio sobre o novo parque comarcal de bombeiros.

O Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia, Xesús Carlos Palmou Lorenzo, o Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiron hoxe ao acto de presentación do novo equipamento do Servizo de Extinción de incendios de Santiago.

As administracións e o Concello, en palabras do Alcalde compostelán fixeron "un enorme esforzo que se plasma na ampliación da plantilla de bombeiros e na compra dun equipo totalmente novo, o máis moderno e o máis caro que hai no mercado, e ademais constrúese un parque novo".

O venres 1 de abril a Consellería de Xustiza Interior e Administración Local, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Santiago asinaron o convenio sobre a construción do novo Parque Comarcal de Bombeiros. Nel establécese un orzamento total de 2.229.590,98 € (IVE engadido), do cal a Deputación Provincial financiará o 40%, así como a Xunta de Galicia, mentres que o Concello de Santiago achegará o 20% restante.

Flota en servizo
A flota en servizo do parque comarcal de bombeiros está formada por doce vehículos, dos cales os tres primeiros foron incorporados xa no ano 2002.

-Un vehículo Mercedes Benz dotado cunha cisterna con capacidade para 2.000 litros de auga, unha bomba de presión combinada e unha escaleira de 18 metros con cesta de salvamento e con todo o equipo de rescate e extinción.
-Un vehículo Man, con cisterna con capacidade para 12.000 litros de auga, bomba de presión combinada. Ten a dotación completa de rescate e extinción.
-Un vehículo Man, con cisterna con capacidade para 3.000 litros de auga, bomba de presión combinada e dotación completa de rescate e extinción.
-Un vehículo Mercedes Benz con cisterna con capacidade para 3.000 litros de auga, bomba de presión combinada e dotación completa de rescate e extinción.
-Un vehículo Iveco, con brazo telescópico e escaleira de 42 metros, canón de control manual e/ou remoto con capacidade de 3.000 litros por minuto. Ademais, é a primeira unidade en servizo con tecnoloxía punta en Europa.
-Un vehículo marca Santana Aníbal con funcións de mando e inspección.
-Un vehículo escaleira de 30 metros.
-Tres vehículos autombombas, un deles con dotación completa de rescate e extinción.
-Un vehículo autobomba lixeiro de 500 litros con dotación básica para intervencións no casco histórico.
-Un vehículo Nissan Patrol con brazo telescópico e escaleira de 42 metros, canón de control manual e/ou remoto e capacidade de 3.000 litros por minuto e con tecnoloxía punta en Europa, ademais de contar cunha escada de 18 metros con cesta de salvamento.

Compartir: