FACENDA

Facenda mellora o calendario fiscal e pon en marcha un servizo de atención telefónica persoalizada

10/03/2014 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, explicou en rolda de prensa estas dúas iniciaticas do seu departamento que responden a unha demanda cidadá e nacen co obxectivo de facilitar o pago de impostos así como o resto dos trámites relacionados

A primeira das medidas busca unha mellora do calendario fiscal retrasando o día de paso a cobro do Imposto sobre Bens Inmobles, o Imposto de mesas, cadeiras e vados e o Imposto sobre Actividades Económicas. Deste xeito, o IBI poderá aboarse ata o 5 de xuño (ata agora era o 5 de maio); OMS e VADOS ata o 5 de xullo (antes, 5 de xuño); e o IAE ata o 20 de novembro (no canto de ata o 20 de outubro). Esta medida só afecta aos recibos domiciliados. Así mesmo, a concelleira indicou que xa está traballando para ampliala o ano que vén ao IBI fraccionado e ao IVTM.

Cecilia Sierra indicou que se leva traballando ano e medio desde distintos departamentos para facilitar o pago dos impostos, algo moi demandado entre a cidadanía.

Servizo de atención telefónica persoalizado
Outra das medidas que entrará en vigor na Concellería de Facenda é a posta en marcha dun servizo de atención telefónica persoalizado con base nun call center que reforzará o traballo da Oficina de Atención ao Contribuínte. Trátase dun servizo que non supón custo algún para o Concello, ao facerse a través dunha mellora do contrato da empresa CGI.

Sierra anunciou que entrará en funcionamento dentro dun mes, aproximadamente e atenderá aos cidadáns de 8 a 20 horas de luns a venres de forma ininterrumpida. Por un lado dará resposta a chamadas informativas (sobre horarios, prazos de pago dos tributos, etc), pero tamén atenderá chamdas de consulta, é dicir, poderase solicitar o estado da deuda executiva de cada un ou pedir cita para atención presencia, entre outros. Tamén se poderán atender chamadas con accións asociadas como o envío de duplicados, as relativas a gravacións de voz, etc.

A concelleira de Facenda quixo salientar a importancia desta nova medida que busca un acceso máis directo da cidadanía mentres se sigue traballando na eficacia e eficiencia dos recursos municipais. Así mesmo, Cecilia Sierra animou aos contribuíntes a que se acollan ao sistemana on line de participación, que está a experimentar continuas melloras.

Fraccionamento do IBI
Unha vez rematado o prazo para solicitar o pago fraccionado do IBI, a edila mostrouse satisfeita pola marcha desta medida. A falta aínda do reconto definitivo, Sierra conta con que o número de contribuíntes que se sumen a ela supere os 2.500.

Compartir: