CULTURA

Obras de Shakespeare, Delibes, Umberto Eco, Lope de Vega ou Vargas Llosa na programación de teatro para este 2014

07/03/2014 Poderemos gozar con propostas tan coñecidas como ‘Julio César’, ‘La odisea’, ‘Cinco horas con Mario’ ou ‘El nombre de la Rosa’. Estarán protagonizadas por actores de recoñecido prestixio como Mario Gas, Tristán Ulloa, Ana Milán, Fernando Guillén.Cuervo, Juan Diego, El Brujo, Natalia Millán ou Ana Belén

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá a programación de teatro para este ano 2014 que chegará á nosa cidade en xira ou enmarcada no programa Platea. En total son 17 espectáculos de autores como Juan Mayorga, William Shakespeare, Mark Twain, Juan José Millás, Miguel Delibes, Almudena Grandes, Homero, Óscar Wilde, Umberto Eco, Lope de Vega ou Mario Vargas Llosa, entre outros. Para representar estes textos, algúns tan coñecidos como ‘Julio César’, ‘La odisea’, ‘Cinco horas con Mario’ ou ‘El nombre de la Rosa’ chegarán a Compostela actores de recoñecido prestixio como Mario Gas, Tristán Ulloa, Ana Milán, Fernando Guillén.Cuervo, Juan Diego, El Brujo, Natalia Millán ou Ana Belén, por citar algúns, que estarán dirixidos por figuras como Juan Mayorga, Miguel Ángel Solá ou Josefa Molina.

Destas 17 obras xa puidemos ver no que vai de ano tres: ‘En construcción’ dirixido por Tristán Ulloa, ‘El arte de la entrevista de Juan Mayorga e ‘El gran día de la madre’ protagonizada por Rosario Pardo. E este mesmo domingo chega á cidade, ao Auditorio Novagalicia Banco, ‘Julio César’ de Shakespeare protagonizada, entre outros, por Mario Gas, Sergio Peris-Mencheta e Tristán Ulloa. A seguinte proposta será ‘Hoy: el diario de Adán y Eva’ de Mark Twain en versión de Blanca Oteyza, Miguel Ángel Solá e Manuel González. Será o 13 de marzo tamén no Auditorio Novagalicia Banco e protagonízana Ana Milán e Fernando Guillén Cuervo baixo a dirección de Miguel Ángel Solá. Pecha marzo ‘La lengua madre’ de Juan José Millás protagonizada por Juan Diego e que poderemos ver o día 30 no Teatro Principal.

En abril, o día 10, chega de novo á nosa cidade Rafael Álvarez ‘El Brujo’ para ofrecernos, no Auditorio Novagalicia Banco, ‘La odisea’ de Homero dirixida e protagonizada por el mesmo e con música orixinal de Javier Alejano. O 11 de maio, no mesmo auditorio, teremos a comedia ‘Mitad y mitad’ de Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez protagonizada por Pepón Nieto e Paco Tous baixo a dirección de Pep Antón Gomez. O Teatro Principal será o escenario da outra proposta para o mes de maio: a coñecida obra ‘Cinco horas con Mario’ de Miguel Delibes, que poderemos ver o sábado 24. Nesta ocasión a protagonista é Natalia Millán que traballa baixo a dirección de Josefa Molina.

Despois do verán, xa en setembro, comezamos o domingo 15 con ‘Atlas de geografía humana’ de Almudena Grandes. O Centro Dramático Nacional e A Priori Producciones presenta no Teatro Principal este drama dirixido por Juanfra Rodríguez e protagonizado por Ana Labordeta, Ana Otero, Arantxa Aranguren e Rosa Savoini. E xa en outubro, o domingo 12, chegan a Santiago Ana Belén e Ginés García Millán para ofrecer a obra de Mario Vargas Llosa ‘Kathie y el hipopótamo’ dirixidos por Magüi Mira. Estarán acompañados no escenario por Eva Rufo e Jorge Basanta e por David San José ao piano.

A continuación poderemos ver dúas propostas da compañía madrileña Los Lunes dirixidas ambas pola compostelá Fefa Noia, directora afincada entre Madrid e San Francisco e que nos ofrecerá no Teatro Principal ‘Cuerdas’ de Bárbara Colio o día 17 e ‘Wild Wild Wilde’ de José Ramón Fernández con textos de Óscar Wilde, o 18 de outubro. Pecha o mes de outubro, o día 31, tamén no Principal, ‘Amantes’ de Vicente Aranda levada ao teatro polo Centro Dramático Nacional e Sandra Toral Producciones. Álvaro del Amo dirixe esta interesante proposta que estará protagonizada por Marta Belaustegui, Marc Clotet e Natalia Sánchez.

En novembro, o día 22 poderemos ver outra coñecida obra: ‘El nombre de la Rosa’ de Umberto Eco. Será no Auditorio Novagalicia Banco nunha proposta coproducida por catro compañías de San Sebastián, Logroño, Madrid e Cáceres, dirixida por Garbi Losada e protagonizada por, entre outros, Juan Fernández e Juan José Ballesta.

E pechamos a programación teatral con dúas propostas en decembro. O 18 no Teatro Principal estarán ‘Las dos bandoleras’ de Lope de Vega posta en escena pola Compañía Nacional de Teatro Clásico e FEI, Factoría Escénica Internacional. Dirixidos por Carme Portacelli poderemos ver, entre outros, a actores recoñecidos como Helio Pedregal, Macarena Gómez ou Carmen Ruiz. Cerra o ano ‘La lengua en pedazos’ de Juan Mayorga, baseada en ‘El libro de la vida’ de Teresa de Jesús e dirixida polo propio Juan Mayorga. Será o día 22 tamén no Teatro Principal e protagonizada por Clara Sanchís e Daniel Albadalejo.

Entradas á venta
As entradas están xa á venta no despacho de billetes do Teatro Principal aberto de martes a sábado e días de evento de 18.00 a 21.00h, en entradas.novagaliciabanco.es e no 902 434 443. Ademais, para aqueles que se celebren no Auditorio Novagalicia Banco poderán mercarse as entradas no propio Auditorio os días de evento desde dúas horas antes do comezo do mesmo.

Compartir: