ECONOMÍA

Máis de 3.500 persoas participaron nas actividades de dinamización económica do Concello no 2013

06/03/2014 O edificio municipal Cersia consolídase como unha referencia para o tecido económico da cidade, con máis de 900 solicitudes de uso dos seus espazos para obradoiros, charlas, xornadas, accións formativas, reunións...

Máis de 3.500 persoas participaron no 2013 nalgunha das actividades de dinamización económica organizadas polo concello a través do programa Santiago Investors Support, da área de Economía, dirixida pola concelleira Reyes Leis. O programa Santiago Investors Support, que naceu a finais do ano 2011, ten tres obxectivos fundamentais: impulso e mellora da competitividade empresarial e comercial; proxección exterior e captación de investimentos; posta en valor e dinamización da actividade económica.

Para conseguir os obxectivos do Santiago Investors Support, no 2012 organizáronse múltiples accións dentro das seguintes categorías: Actividades formativas, nas que participaron máis de 600 persoas; Seminarios e conferencias, que contaron con 300 asistentes; Encontros comerciais, nos que houbo tamén 300 participantes.
A área de Economía patrocinou tamén múltiples actividades de dinamización económica organizadas por diferentes entidades: Primeiro Premio Emprende Santiago; "Dez Consellos para o 2013"; Open Your Mind SCQ Atrévete; Premios Eganet; Primeira Ccaminata de Líderes; Xornadas Internacionais de Coaching; Feeling Brans 1ª Xornada Internacional da Experiencia do Cliente; IV Noite da Enxeñaría; Proxecto Argos; Vindeira Capital Network. Nesta actividades participarón máis de 2.500 persoas.

Ademais das accións organizadas directamente ou patrocinadas, a área de Economía axuda aos emprendedores e a través do Servizo de Apoio á Empresa, que atendeu consultas de 222 persoas interesadas en recabar información para crear a súa propia empresa: trámites específicos para a creación de novas empresas, formas xurídicas, préstamos para financiar os investimentos, aspectos fiscais, capitalización das prestacións por desemprego…

Pero ademais de colaborar co tecido económico a través de accións directas ou patrocinadas, a area de Economía do Concello pon tamén o edificio municipal Cersia á disposición das empresas e entidades de dinamización económica ao seu servizo para desenvolver obradoiros, charlas, reunións… No 2013 recibíronse máis de 900 solicitudes para o uso dos diferentes espazos do edificio, que sumaron máis de 4.000 horas de ocupación.

Compartir: