CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC de Santa Marta acolle unha exposición sobre a agricultura en Trazo

07/03/2014 O Centro sociocultural de Santa Marta acolle desde o venres 7 de marzo ata o 4 de abril a exposición fotográfica producida polo Colexio Público Viaño Pequeno de Trazo que leva por título "A evolución da agricultura e as súa repercusións no patrimonio inmaterial de Trazo".

A exposición consta de dezaseis paneis explicativos con contidos como:
-Características do Concello de Trazo, costumes e festas, cantigas e refráns e debuxos alusivos feitos polos alumnos do colexio. Ademais varias vitrinas amosan información sobre tarefas agrícolas colectivas, comidas estacionais, remedios de curación, bendición dos campos, medición das témporas e recursos didácticos cos que se traballou co alumnado a produción desta interesante exposición.

O obxectivo da exposición é afondar no coñecemento das raíces culturais, costumes e tradicións de Trazo; a súa visita implica unha reflexión sobre a vida, o patrimonio inmaterial e a importancia de mantelo vivo coa colaboración imprescindible de cada persoa.

O CPI Viaño Pequeno, foi premiado polo seu proxecto didáctico pola Fundación Antonio Fraguas. A dotación económica do premio permitiulle ao CPI o estudo da evolución da agricultura e as súas repercusións no patrimonio inmaterial. Froito deste proxecto é a exposición no que se amosa o traballo do alumnado recollendo a esencia da mesma en paneis moi significativos.

O concelleiro de centros socioculturais Francisco Noya inaugurou no Centro sociocultural de Sta Marta esta exposición acompañado polo alcalde de Trazo José Dafonte Varela e polos responsables do CPI Viaño Pequeno.

Documentos relacionados



Compartir: