XUNTA DE GOBERNO

O Consorcio acometerá obras de mellora da accesibilidade no Teatro Principal e a limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi

06/03/2014 Os dous asuntos foron aprobados pola Xunta de Goberno Local, da que deu conta en rolda de prensa a súa voceira, a concelleira María Pardo. Nesta mesma sesión deuse luz verde ao proxecto que permitirá a mellora do alumeado no acceso ao Polígono do Tambre desde Son de Abaixo.

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de accesibilidade e renovación do Teatro Principal, que consistirá non só no cambio dos accesos laterais para adaptalos ás persoas con algunha minusvalía, senón tamén nun arranxo globlal que incluirá tratamento da madeira, limpeza e substitución de canalóns, reparación de azulexos e rodapés, revisión da carpintería, cambio da instalación eléctrica para a incorporación de luces LED, climatición, fontanería, pintura, etc. Tamén se construirá un aseo na planta baixa e un novo acceso aos vestiarios a través dunha rampla. O Concello pon a disposición do Consorcio esta obra, na que se investirá un total de 61.717,64 euros.

Non é a única obra que levará a cabo o ente interadministrativo; tamén se encargará de realizar os traballos de carpintería e limpeza da fachada sur do Paxo de Raxoi por importe de 104.332,43 euros.

A proposta da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, a Xunta de Goberno deulle o visto bo ao proxecto de alumeado público para o acceso ao polígono do Tambre. Con este proxecto preténdese dotar de alumeado público coa sua correspondende rede de alimentación ao acceso ao Polígono do Tambre, desde o Son de Abaixo ata a Vía Marconi, co fin de mellorar a través da aplicación de novas tecnoloxías (lámpadas de alta eficiencia e baixo consumo) a situación actual desta instalación. Serán 32 luminarias LED que substituirán ás existentes. O orzamento de execución por contrata é de 31.984,31 €. O vial que une Forte e Frades, en Enfesta, tamén será mellorado unha vez a Xunta de Goberno aprobou o proxecto.

Así mesmo, deuse luz verde ao pago aos propietarios ou herdeiros da parcela na que se construirá o centro de ciencias do Patrimonio cultural do CSIC polo importe establecido para esta expropiación, toda vez que se tramitou a documentación necesaria (parcela EU-10 do PE-3R; importe da expropiación, 6.547,19 euros); e aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) no ámbito da reserva de equipamento RU-10. Virxe da Cerca, 6. A solicitude desta modificación foi presentada pola Fundación Centro Galego de Solidariedade co obxecto de que se lle poida dar, dentro do uso asistencial que xa ten, o uso de aloxamento temporal en albergues. A proposta da Concelleira de Urbanismo a XGL aprobou acordar inicialmente a modificación deste Plan que se someterá a exposición pública e solicitarase informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

No que se referire a Parques e Xardíns, a concelleira María Pardo anunciou que xa se adxudicou a obra do parque de San Roque á empresa HPC Ibérica por un importe de 42.295 euros máis IVE. A edil aproveitou para informar da próxima finalización dos traballos de construción dos parques infantís das prazas de Vigo e Galicia, que estarán rematados nunhas tres semanas. Aproveitando o bo tempo tamén comezarán as obras de rebacheo das rúas do Ensanche que quedaban pendentes.

Desde a Área de Servizos Socias, aprobouse a proposta de recoñecemento a Charo Barca, María Castro e Chus Iglesias con motivo da celebración do Día Internacional da Muller así como a prórroga do servizo de dinamización socioeducativa e sociocultural da rede municipal de centros socioculturais do Concello de Santiago, a proposta do concelleiro de Centros Socioculturais.

No apartado de licenzas, concedéuselle ao Consorcio de Santiago para o retellado parcial do claustro da Colexiata Santa María Sar. As obras, que contan cun orzamento de 56.789,62 euros e un prazo de execución de tres meses, centraranse nas cubertas da fachada Norte e os faldóns Sur e Oeste do claustro. Serán sometidos a traballos de impermeabilización e limpeza.

Compartir: