CULTURA

Redrum Producciones presenta ‘Amor flexible’ e ‘Curriculum Vitae’, venres e sábado no Teatro Principal

05/03/2014 As entradas, a un prezo de 10 euros, poden mercarse xa no despacho de billetes do Principal, aberto de 18.00 a 21.00h, ou en Novagalicia Banco (web e teléfono).

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá en rolda de prensa as dúas propostas de Redrum Producciones que poderemos ver esta semana no Teatro Principal dentro do ciclo Teatro&Danza. ‘Amor flexible’ o venres e ‘Curriculum Vitae’ o sábado, ambas ás 21.00h. Na rolda estiveron tamén Alex Sampayo, director dos dous espectáculos e Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, actores. As entradas poden mercarse xa a 10 euros tanto no despacho de billetes do Principal (aberto de 18.00 a 21.00h) como en entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443. Ademais, están enmarcadas na promoción do Bono de Teatro Galego, a través do cal a entrada custa 7 euros.

Nesta vida todos queremos algo. Tristán quere a Eva. Eva quere os cartos de Tristán. Piluca viaxar a Cabo Verde co seu noivo Bembé. E para que todos consigan o que queren, os mozos teñen que casar antes de que Tristán descubra o segredo de Eva. Para isto as mulleres urdirán un divertido plan que poderá custarlle a vida ao rapaz. Isto conta ‘Amor flexible’, unha comedia de rabiosa actualidade, próxima e amable, que afonda nas relacións familiares e de parella.

Coa escusa dos sete pecados capitais como eixe da estrutura falamos da idealización do amor. Da crise, e como esta afecta aos novos modelos familiares onde as nais teñen que ir vivir cos fillos. Da vida a partir dos 60 anos e das segundas oportunidades. Dos que non se renden. Dos que buscan a felicidade. Falamos da muller galega loitadora, que vai na procura dos seus soños por lonxe que estes se atopen. Da maternidade. Do desexo de ser nai e da dificultade de educar aos fillos. E todo dende a óptica do humor

Contan neste proxecto coa colaboración dunha das mellores e máis queridas actrices do panorama galego. Unha muller cunha carreira chea de éxitos e personaxes inesquecibles. Dende a alcaldesa de Portozas de "Mareas Vivas" a viúva de "A vida por Diante": Mela Casal. E completan o reparto os que foron os dous nenos prodixio da TVG. Guillermo Carbajo, o rapaz de "Pratos Combinados" e Tamara Canosa, a cativa de "Mareas Vivas". Un reparto de luxo para un divertido espectáculo que coida con atención ata os máis mínimos detalles escenográficos, lumínicos e musicais.

‘Curriculum Vitae’ é unha comedia sobre entrevistas de traballo na que asistiredes, a través da invisible cuarta parede dunha oficina, a esas "curiosas" escenas que teñen lugar entre dúas persoas, cando unha delas está sendo xulgada pola outra para acceder a un posto de traballo. Humillación, enchufismo, ineptitude, abuso... vanse sucedendo nas cinco pezas que compoñen a obra para mostrar a crúa realidade do mundo laboral. Iso si, todo contado dende o humor, que é a mellor maneira de ver as cousas serias.

Neste espectáculo abórdase un tema de actualidade, como é a procura de emprego e as entrevistas de traballo, cun toque de humor. Trátase dunha comedia que pretende que o espectador ve vexa reflectido e para conseguilo utilízanse textos de recoñecidos escritores e guionistas como Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e José Prieto. O director e realizador Alex Sampayo, coñecido por traballos como El internado ou Padre Casares, dirixe aos actores Mónica García e Guillermo Carbajo nesta historia que, sen dúbida, provocará as gargalladas do público. Sampayo dirixe tamén ‘Amor flexible’.

Compartir: