FESTAS

O ambiente festivo inunda cada recuncho de Compostela

26/07/2006 Pasou o día grande das festas, o 25 de xullo, pero o ambiente festivo continúa. Milleiros de turistas e peregrinos seguen a encher rúas e prazas dende primeiras horas da mañá e senten cos veciños de Compostela os latexos dunha cidade viva.

Xa ás primeiras horas da mañá, a Praza do Obradoiro é un fervedoiro de xente. Neste capítulo, os visitantes orientais sempre son uns avantaxados, sempre dispostos a captar as primeiras instantáneas da Catedral baixo a luz do amencer. Logo van chegando os demais, de tódolos lugares, de tódalas nacionalidades…coas máis diversas motivacións.

Uns miran, outros en grupo cantan e outros adoptan as duras pedras do Obradoiro como circunstanciais cadeiras para o repouso. As lousas son duras, pero tamén frías e iso agradéceno aqueles chegados de novo a Compostela. Ademais, a vista é inmellorable e, para captar a Catedral na súa totalidade cunha minúscula cámara dixital, nada mellor que un ángulo de inclinación máis pronunciado.

E así transcorre o día nunha xornada de finais de xullo en Compostela, entre xentes e máis xentes que enchen as rúas e prazas, e por extensión, os bares, as terrazas e as tendas de recordos. E ademais, como é festa, sempre hai tempo para deterse a vivir uns momentos musicais. Porque o son non falta nestes días, onde curiosos e non tanto rodean a calquera charanga para escoltar unhas notas. Neste verán, claro está, o tema máis demandado é "Paquito el chocolatero", acompañado do berro que tan popular está facendo esta peza.

Pero aínda hai máis música, pola noite, nas prazas da Quintana e do Toural, ou na Alameda. Distintos tipos de sons para distintos tipos de público, pero cun denominador común: a xente vai aos poucos, sen presas, como deixándose levar. Os concertos gratuítos comezan con pouco público, pero pouco a pouco o recinto vai enchéndose e, aos minutos, aquilo xa é un éxito. A xente canta, baila, salta, berra…e aplaude.

Santiago segue pois de celebración. Aínda quedan uns días de actuacións, de desfiles, de concursos, de actividades e de moita, moita animación na rúa. Aínda é tempo de gozar todas estas xornadas, porque Compostela é de todos e para todos tamén en tempo de festa.

Compartir: