FESTAS

O programa do Antroido continuou co concurso infantil de disfraces

02/03/2014 O concurso infantil de disfraces, celebrado na Sala Capitol, reuniu un bo número de nenos e nenas, acompañados da súas familias. Continou así a programación do Antroido, que agarda xa o seu acontecemento principal, o desfile do martes 4.

O concurso infantil estaba dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos e a participación era gratuíta. Había tres categorías: individual, parella e grupo a partir de tres persoas. O xurado outorgou premios para os tres primeiros clasificados nas modalidades de grupo e de parella, e para os cinco mellores disfraces individuais. Os galardóns entregáronse en metálico (200, 150 e 100 euros) aos mellores grupos, mentres que o resto de premiados recibiron tablets, libros electrónicos, cámaras dixitais ou equipos de música.

Desfile do martes de Antroido
Como en cada Antroido, o desfile do martes será o punto forte do programa. A comitiva estará encabezada por primeira vez polos Xenerais da Ulla, unha vez que en 2013 se vira frustrada a súa participación polo mal tempo. A delegación estará formada por catro correos, o Coro do Bonito e 14 xenerais. En Santiago, son catro as parroquias que manteñen esta tradición do Antroido dos Xenerais da Ulla, declarado recentemente Festa de Interese Turístico Galego: Marrozos, O Eixo, Aríns e Angrois, e veciños destas zonas serán os que formen esa comitiva.

O tradicional desfile do martes de Antroido está aberto a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. Comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

A inscrición para o desfile-concurso formalizarase na Concellaría de Festas (Teatro Principal - rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas do luns 3 de marzo.

Haberá varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 12.220 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 2.000 euros, polos 400 que levará o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 200 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio.

Queima do Meco
A programación do Antroido concluirá o mércores 5 de marzo co acompañamento do Meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa, seguindo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, rúa da Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. A Banda Municipal acompañará nesta última viaxe ao Meco, que logo arderá na praza Roxa.

Ademais, a máquina de fillas de Lestedo estará durante as xornadas do venres, sábado e domingo na praza Roxa, e o luns e o martes na Alameda.

Compartir: