OBRAS

O Concello investiu 200.000 euros en obras no barrio de Guadalupe en 2013

28/02/2014 O concelleiro de Barrios e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, visitou as obras que se levaron a cabo na rúa Chan de Curros, no barrio de Guadalupe. Esta actuación está incluída no programa de obras posto en marcha polo Concello neste barrio con cargo aos orzamentos de 2013, cun custo total duns 200.000 euros.

Juan de la Fuente inspeccionou os traballos en compañía da presidenta da Asociación de Veciños de Guadalupe, Isolina Barreiro, que agradeceu o esforzo inversor do Concello. Neste sentido, o concelleiro denunciou o "abandono" sufrido polo barrio no pasado e recalcou a necesidade destas e de futuras actuacións para "poñer Guadalupe á altura doutros barrios".

Ás obras de asfaltado visitadas na rúa Chan de Curros súmanse outras actuacións no barrio como a colocación de céspede transitable nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro, a reforma da pista polideportiva do parque Pablo Iglesias ou o arranxo dos seguintes vieiros: pista baixa do camiño de Guadalupe; pista do campiño de Guadalupe; cruce do campiño con Cima da Eira e Cima da Eira.

Compartir: