FESTAS

Fogos, música e imaxes uníronse nunha sincronización perfecta na noite compostelá

25/07/2006 A Praza do Obradoiro, a Catedral e o ceo compostelán foron escenario duns espectaculares Fogos do Apóstolo, presenciados por preto de 100.000 persoas dende prazas, rúas e xardíns. Unha perfecta sincronización de fogos, proxeccións e música creou un singular espectáculo que serviu para dar a benvida ao día grande de Galicia.

Os congregados na Praza do Obradoiro e nalgún outro lugar privilexiado da cidade puideron contemplar a exhibición, denominada "Arte2". Máis de 900 quilos de pólvora, 4.500 ordes de disparos, distintas proxeccións na fachada da Catedral e diversas pezas musicais crearon un ambiente máxico e un espazo cultural que percorreu diferentes estilos ao longo da historia. Non faltaron as referencias á paz nin obras coma o Gernika.

O espectáculo destacou pola súa potencia explosiva e pola beleza das imaxes proxectadas, pero sobre todo pola sincronización mesma dos fogos coas propias imaxes e fogos. Ao final, aplausos e recoñecemento para unha exhibición que deixa o listón moi alto para vindeiras edicións.

"A viaxe do son"

A xornada do 25 de xullo está chea de actividades pensadas para todas as idades. Desde os cabezudos e gaiteiros que animan as rúas da cidade, ata o concerto que ofrece pola noite Estrella Galicia para conmemorar o seu centenario, a cidade vístese de festa. "A viaxe do son", prevista para as 23:00 horas na Quintana, reunirá a importantes músicos galegos con artistas internacionais. Dúas horas de espectáculo para ofrecer a música galega tocada con outra visión, outras cores e outros sabores.

Maceo Parker

Maceo Parker é o principal atractivo que presenta a xornada do mércores 26, que comezará coa tradicional Ferradura Aberta para os máis novos. O artista de Carolina do Norte chega a Santiago para presentar o seu último álbum, "School´s in!". Será a única cidade galega que visite nesta xira o laureado artista.

Maceo Parker ten un longo percorrido musical, pero sen dúbida o que máis marca a carreira profesional deste artista é formar parte da banda de James Brown, de quen o aprendeu case todo.

Nos anos 90 adícase aos seus propios proxectos e grava dous discos que tiveron un grande éxito: "Roots Revisited" e "Mo´ Roots". Pero foi en 1992, co disco "Life On Planet Groove", cando consolidou a súa carreira en solitario, definindo a súa fórmula musical coma "un 2% de jazz e un 98% de funk".

Versionou cancións de Stevie Wonder, Paul McCartney ou Prince, entre outros, coas que conseguiu grandes éxitos. Tamén destaca a colaboración do seu fillo, Corey Parker, en varios discos, sendo hoxe un membro estable da banda.

Nos últimos anos, Maceo Parker é requerido nos festivais máis importantes e realiza unha media de 250 concertos por ano. Neste verán do 2006 chega a Europa co gallo da aparición do seu último álbum, "Scool´s in!". En Galicia só se poderá escoitar no marco destas Festas do Apóstolo, gracias a Cávea Producciones.

Compartir: