BENESTAR SOCIAL

Entrega de diplomas aos participantes nas accións formativas da Fundación Secretariado Xitano

24/02/2014 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, entregou os diplomas da Fundación Secretariado Xitano (FSG) correspondentes ás accións formativas realizadas en 2013 en Santiago de Compostela. A apertura do acto, celebrado no edificio Cersia, correu a cargo da directora territorial da Fundación, Eva Vera, mentres que a coordinadora da FSG en Santiago, Isabel Suárez, presentou a experiencia do itinerario formativo Acceder.

O obxectivo principal do programa de formación e emprego Acceder é promover o acceso da poboación xitana ao mercado laboral, favorecendo a igualdade de oportunidades. Unha das claves do seu éxito é unha aposta firme pola formación e a cualificación profesional da poboación xitana a través de cursos teóricos e prácticas no posto de traballo.

Entre os fins xerais do programa están: achegar os participantes ao mercado laboral por conta allea e propia, por medio da información, orientación e busca de emprego; cualificalos profesionalmente para o acceso a profesións e empregos por conta allea e propia; realizar formación específica, adaptada ao empresario e ao usuario final; xeración de iniciativas de emprego protexido; informar e asesorar sobre autoemprego; sensibilizar sobre os prexuízos e prácticas discriminatorias das que os xitanos e xitanas son vítimas; e favorecer o acceso aos procesos de formación prelaboral de idades máis temperás, colaborando con institucións educativas e comunitarias.

O programa permitiu a formación de 70 persoas en 2013. En concreto, neste acto entregáronse os diplomas correspondentes á seguinte formación: vixilante de seguridade (1 participante), auxiliar de comercio (10 participantes), limpeza (10 participantes), servizos de hostalería: camareiro e cociña (6 participantes), auxiliar de congresos e comunicación (6 participantes) e informática (6 participantes). A estes cursos hai que engadir a formación impartida en competencias clave, destinado á preparación destes exames, e en preparación do graduado en ESA.

A poboación destinataria deste programa é a comunidade xitana de Santiago de Compostela e arredores. A Fundación Secretariado Xitano ten recollidas 441 persoas na súa base de datos, se ben estiman que a poboación total é de preto de 1.000 persoas.

Compartir: