CULTURA

Arranca en Compostela o VII Ciclo 1906 de Jazz, que ofrece tres concertos no Principal

24/02/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e o brand manager de 1906, Juan Paz, presentaron en Raxoi a programación do VII Ciclo 1906 de Jazz en Compostela nunha rolda na que tamén estiveron o director artístico do ciclo, Carlos López, e os músicos Roberto Somoza e Xacobe Martínez Antelo. Esta programación está formada por sete concertos, tres no Principal, tres no Dado Dadá e o peche do ciclo cun maratón de jazz galego na praza da Quintana. O ciclo, que celebrará en total 50 concertos en 12 cidades de todo o país, inaugurase precisamente en Santiago o 16 de marzo con Brad Mehldau Trío.

Brad Mehldau, que inaugura o ciclo, posúe unha man esquerda que frasea, que canta e que tece un marabilloso contrapunto ás ideas vertidas pola súa xemela. Xunto con Larry Grenadler ao contrabaixo e Jeff Ballard á batería, compoñen o Brad Mehldau Trío, refuxio onde se expresa con maior rotundidade. Tras eles chegarán o 6 de abril Avishai Cohen Trío, que nos deleitará co mellor do seu repertorio. Sons brillantes, cinematográficos con toques étnicos e de musica folk israelí. E péchase a programación no Teatro Principal con Kenny Garrett, o máis destacado alumno da última época do seu descubridor, Miles Davis, que nos ofrecerá co seu The Kenny Garrett Quintet, o 25 de maio, unha velada que seguro resultará inesquecible.

Bono para os tres concertos do Principal
As entradas están á venda na billeteira do Principal (aberta de martes a sábado e días do concerto de 18:00 a 21:00 horas) así como en Novagalicia Banco (web e teléfono). O prezo dos concertos do ciclo que se celebrarán no Teatro Principal é de 22 euros (17 € no anfiteatro) anticipada e 25 euros (20 € no anfiteatro) o día do concerto para Brad Mehldau Trío; para Avishai Cohen Trío son de 20 euros (15 € no anfiteatro) anticipada e 23 euros (18 € no anfiteatro) o día do concerto e, para The Kenny Garrett Quintet, os prezos son 17 euros (13 € anfiteatro) anticipada e 20 euros (15 € no anfiteatro) o mesmo día do concerto. Existe a opción mercar un abono para os 3 concertos por tan só 45 euros ata as 21:00 horas deste martes, 25 de febreiro.

Tres concertos máis no Dado Dadá e peche na praza da Quintana
Ademais dos concertos do Teatro Principal o ciclo ofrece outros tres concertos na cidade, no Dado Dadá, no mes de abril. Serán Freedonia o día 3; Jerry González Trío o 25 e Roberto Somoza Continuum o 30. Ademais, Santiago será escenario tamén do final do ciclo a través de un Maratón de Jazz Galego o 19.06 na Praza da Quintana. Serán 12 horas de música de balde e en directo en plena rúa co obxectivo de compartir cos viandantes de forma aberta e sen barreiras as propostas musicais de 12 formacións galegas de jazz.

12 cidades e 16 escenarios
O Ciclo 1906 de Jazz percorrerá 12 cidades e 16 escenarios con artistas como Brad Melhdau, Kenny Garrett, Avishai Cohen o Atomic, entre outros. En Galicia, poderase gozar de concertos do ciclo, ademais de en Santiago, na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol. O programa musical alcanzará tamén a Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao e Murcia, ademais da cidade de Oviedo, que se estrea este ano dentro do ciclo.

Direcciones relacionadas



Compartir: