CULTURA

Última fin de semana para ver "O bosquexo do mundo" no Auditorio de Galicia

21/02/2014 Esta fin de semana poderá verse por última vez a mostra O bosquexo do mundo no Auditorio de Galicia, xa que domingo remata a súa estancia neste edificio. O bosquexo do mundo é unha exposición colectiva comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e coproducida polo MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), o Auditorio de Galicia, e a Fundación Luis Seoane. Unha aposta polas mostras de produción propia que se fai extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e traballo en rede. Unha vez clausurada no Auditorio, e tras o seu paso previo polo Marco de Vigo, a mostra viaxará á Fundación Luis Seoane na Coruña, onde se poderá ver a partir do 13 de marzo.

O título da exposición, sérvese da ambigüidade e riqueza do termo "bosquexo", como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos setenta. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografa, vídeo, instalación...— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

Xunto a un traballo minucioso para a exhibición das obras e materiais de pequeno formato, a montaxe da exposición debe adaptar os seus contidos as peculiaridades de cada un dos espazos, xa que inclúe pezas adaptadas especificamente á configuración das salas.

En palabras dos comisarios, "unha proposta que, no aspecto visual e de montaxe expositivo, investiga os intersticios que se abren entre o puro documentalismo e o environment ou a instalación. Unha montaxe que pon en escena o estatus ambiguo do ‘bosquexo’: camiña cara á obra pero non é obra aínda... ou se cadra xa si" e "unha mostra que sorprenderá a nenos e maiores que poderán gozar moito nela".

Compartir: