CULTURA

Marlango e Lara Bello, propostas musicais para esta fin de semana

21/02/2014 As propostas musicais para esta fin de semana traen dous concertos do Compostela Rock e Sons’14 da man de Marlango e Lara Bello. Este sábado chegará á cidade, á Sala Capitol, o pop-jazz experimental de Marlango, que presentan o seu último traballo, Un día extraordinario, e o domingo poderemos escoitar a world music de Lara Bello, que terá como anfitrión ao compostelán Abe Rábade, un dos músicos que a acompañará sobre o Teatro Principal.

O sábado 22 chega unha das grandes propostas do ciclo Compostela Rock neste 2014: Marlango, que estarán na Sala Capitol. Esta vez, o grupo que lidera Leonor Watling chega co seu primeiro disco en español. O traballo titúlase Un día extraordinario. A banda presenta un disco máis luminoso que os seus traballos anteriores, enraizado entre o jazz e o pop, coa sorpresa de escoitar a Leonor Watling en castelán.

A semana musical péchase este domingo, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, onde o compostelán Abe Rábade será o anfitrión dunha voz que fusiona as tradicións da súa terra: flamenco, música árabe, clásica e jazz. Lara Bello, unha granadina en Nova York chega a Sons’14. Bello é unha contadora de contos, unha viaxeira cultural, unha bailarina cantante que toma prestado das tradicións españolas e árabes e que presenta o seu traballo Primero amarillo, después malva. Ademais de por Rábade, Bello estará acompañada no escenario por Paco Dicenta e Paulo Silva.

As entradas para os dous concertos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro principal, aberto de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00h horas. Ademais, cada concerto ten uns puntos específicos de venda a maiores. Os prezos e eses outros puntos de venta son:
- Marlango: 15€ + gastos (anticipada) 18€ (billeteira). A Reixa Tenda, Kunsthalle, Ticketea e salacapitol.com.
- Lara Bello: 12 euros. Entradas.novagaliciabanco.es e 902 434 443.

Compartir: