ALCALDÍA

O alcalde ve no selo do VIII centenario da peregrinación de San Francisco unha nova oportunidade de promoción do Camiño

21/02/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu ao acto de presentación do selo dedicado ao VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. O evento, celebrado no Hotel Monumento San Francisco, estivo presidido pola ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén asistiu o presidente de Correos, Javier Cuesta.

Ángel Currás indicou que "a emisión deste selo contribúe a confirmar a importancia que tivo a peregrinación de Francisco de Asís a Santiago de Compostela no século XIII". Así, dixo, "estamos ante unha nova oportunidade de facerlle ver ao mundo o valor atractivo do Camiño de Santiago".

Apelando ao papel do selo de Correos como transmisor de noticias no tempo histórico, o alcalde apuntou que "a emisión deste selo contribúe a que nos chegue, dende o século XIII, a noticia de que Santiago de Galicia é, pola súa propia natureza, unha urbe capaz de atraer as miradas de toda a civilización occidental".

"Esas miradas podémolas atraer, por suposto, ofrecendo a imaxe do noso patrimonio monumental, como xa fixo Correos hai case dous anos coa emisión dun selo cuxo motivo artístico era a fachada barroca da Catedral, pero esas miradas tamén as podemos atraer ofrecendo, como exemplo dunha personalidade suxestionada por Santiago, a figura do propio Francisco de Asis, figura sumamente atractiva", explicou.

O alcalde expresou a súa satisfacción polo feito de que a iconografía xacobea teña a súa presenza no mundo filatelia, por tratase dun ámbito moi dado ao coleccionismo. Neste sentido, indicou que "serán moitos os coleccionistas que se fagan con este selo, e que o traten con mimo", inspirando a consideración dos responsables públicos polo fenómeno xacobeo, "unha xoia do noso patrimonio cultural dun valor, espiritual ou económico, incalculable".

Compartir: