SOSTIBILIDADE

A xestión auditada dos parques e xardíns ou a intervención na Selva Negra, modelos exportables a outras cidades europeas

21/02/2014 A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, deu conta da súa participación en Angers (Francia) na conferencia final do proxecto europeo Parkatlantic, celebrada os días 17 e 18 de febreiro. Neste encontro debateuse sobre os ecosistemas en zonas urbanas e a súa avaliación, e analizáronse deseños propostos para a creación de novas zonas verdes e de parques e xardíns.

María Pardo explicou que este proxecto Parkatlantic, que ten como eixe central os parques urbanos atlánticos comezara en 2010. "Á vista da importancia que teñen en Santiago as zonas verdes e os parques e xardíns, pareceunos adecuado e necesario seguir con el", dixo. Xunto a Santiago, son socios neste proxecto as cidades de Pau e Angers (Francia), Vila Nova de Famalicão (Portugal) e Limerick (Irlanda).

Os cincos ocios dos catro países formularon un proxecto para compartir coñecementos relativos á xestión dos parque urbanos atlánticos, coa intención de extrapolar este información a outras cidades e establecer mecanismos de cooperación e compartir experiencias técnicas e de xestión.

Nunha primeira fase realizouse un estudo comparativo dos parques das cidades que integraban o proxecto, realizando un traballo de detalle de tres parques de cada cidade. No caso de Santiago analizáronse os casos da Granxa do Xesto – Selva Negra, da Alameda e de Belvís. Estudáronse tanto aspectos de xestión, como de usos e actividades, nos mesmos, incluíndo unha enquisa aos usuarios dos mesmos.

Nunha segunda fase se elaborouse unha cartografí¬a GIS dos parques na que, en diferentes clases e tipoloxías de usos, se puideron comparar as diferentes realidades e establecer coincidencias e similitudes. Tamén se realizou unha análise DAFO, extraendo conclusións sobre aspectos a mellorar e sobre as fortalezas de cada socio.

Ademais, efectuouse unha avaliación de procedementos para gañar eficiencia, recollendo ideas innovadoras e novas solucións que se estaban implantando na xestión e uso dos parques noutras cidades do mundo.

Unha vez alcanzada esta fase de estudo e resaltadas as fortalezas de cada socio, cada un deles escolleu tres exemplos da súa xestión e dos seus recursos dignos de implantación noutras cidades. No caso de Santiago escolleuse a xestión auditada cun selo de calidade ambiental EMAS do Departamento de Parques e Xardíns; o sistema de comunicación circular entre todos os parques da cidade; e a intervención na Selva Negra, mantendo os seus valores naturais a nivel de espazos e tradicións.

Compartir: