XUNTA DE GOBERNO

Nova exposición pictórica no Ensanche sobre o paisaxismo contemporáneo

20/02/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a realización da exposición Iniciación á paisaxe contemporánea. Van Gogh, Braque e Szenes, organizada pola Concellería de Xuventude. Tamén se acordou a modificación das bases reguladoras da convocatoria de subvencións para reforma de locais de negocio e implantación de tecnoloxías da información e a comunicación (TICS) dentro do proxecto Urbana Santiago Norte.

Segundo explicou a voceira adxunta da Xunta de Goberno, María Castelao, como resultado do traballo realizado por un grupo de alumnos do bacharelato artístico do IES de Sar, realizarase unha exposición coas diferentes pezas artísticas resultantes, para visibilizar e dar a coñecer o bo traballo que estes mozos e mozas levaron a cabo durante o curso, impartido polo artista Xoti de Luis. No mesmo, pretendíase unha aproximación ao mundo da paisaxe contemporánea a través da obra de diferentes artistas de renome.

A mostra Iniciación á paisaxe contemporánea. Van Gogh, Braque e Szenes, organizada pola Concellería de Xuventude, inaugurarase o martes 11 de marzo, ás 19:00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Alí permanecerá ata o 31 de marzo. O Concello achega 1.343 euros para a realización desta mostra.

Bases de subvencións no USN
Por outra parte, acordouse a modificación das bases reguladoras da convocatoria de subvencións para reforma de locais de negocio e implantación de tecnoloxías da información e a comunicación (TICS) dentro do proxecto Urbana Santiago Norte. O cambio afecta á xustificación e ao prazo de presentación de solicitudes, que se amplía ata o15 de marzo.

Actividades socioculturais
En materia sociocultural, solicitouse inclusión do Concello na programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña para o ano 2014, con actividades por importe de 21.411 euros. Solicítase unha subvención de 8.564 euros, polo que o Concello achegaría 12.847 euros.

Licenzas e setenzas
No capítulo de licenzas, a edil resaltou a concedida a Inditex para a construción dun hangar para o aloxamento de avións privados no Aeroporto de Lavacolla. A empresa investirá 2,5 millóns de euros nesta instalación.

Finalmente, deu conta dunha sentenza polo roubo de cable de cobre en farois de Belvís. Condenouse ás dúas persoas responsables a unha pena dun ano de prisión e ao pagamento de 3 euros durante 30 días, así como á devolución do cable roubado.

Obras nos centros educativos
Na súa condición de concelleira de Educación, María Castelao deu conta da autorización das obras urxentes no CEIP Monte dos Postes, por importe de 21.079 euros. Os traballos consistirán fundamentalmente na reparación dun canlón e dos canos das fiestras, resolvendo o problema da entrada de auga en diferentes estanzas do edificio.

Lembrou que, tamén de urxencia, se repararon os falsos teitos do CEIP López Ferreiro e o teito da Escola Infantil de San Roque, para solucionar un problema de filtracións de auga.

Realizadas estas actuacións máis urxentes e unha vez entren en vigor os orzamentos 2014, a Concellería de Educación afrontará o resto de obras necesarias nos centros educativos da cidade, "proxectadas e valoradas economicamente en base ás demandas dos directores dos colexios". Neste sentido, recordou que está previsto licitar un servizo de mantemento anual dos centros.

Documentos relacionados



Compartir: