CULTURA

A opereta "Barbazul, unha sabotaxe amorosa" e a comedia "El gran día de la madre", propostas teatrais da semana

19/02/2014 No programa cultural para esta semana temos dúas obras de teatro na Zona C e no Auditorio Novagalicia Banco. Este mesmo xoves 20 poderemos ver a primeira das propostas, Barbazul, unha sabotaxe amorosa, opereta para clown e soprano dirixida por Marta Pazos e protagonizada por Mónica de Nut e Borja Fernández. Será na Zona C e repetirán función venres, sábado e domingo e a seguinte semana tamén de xoves a domingo. As funcións comezarán ás 20:30 horas, agás os domingos, que será ás 19:30 horas. O venres 21 chegarán ao Auditorio Novagalicia Banco, ás 21:00 horas Q de Quintanilla para presentar a súa comedia El gran día de la madre, protagonizada por Rosario Pardo, Marta Megías e Carmen Gutiérrez, e dirixida por Julian Quintanilla.

En Barbazul, unha sabotaxe amorosa, Mónica de Nut e Borja Fernández constrúen unha versión libre do mito de Barba Azul partindo do libreto que escribiu o poeta húngaro Bela Bálasz para unha ópera de Bartok no ano 1918. Barba Azul é un mito clásico da tradición europea, reinterpretado en múltiples ocasións, na linguaxe das artes literarias, escénicas e cinematográficas.

Borja Fernández é actor, músico e performer. Actualmente traballa como intérprete multidisciplinar freelance, ademais de ser compositor e letrista no grupo de rock É Unha Árbore. Traballou en proxectos escénicos de teatro físico, teatro clásico, teatro musical, ópera, danza, circo, música, cinema, televisión e multidiscilplinares de diferentes produtoras destacando: La fura dels Baus, Chévere, Pt Excéntricas, Matarile Teatro, Centro Dramático Galego, Teatro Nacional Sao Joao (Portugal), Pistacatro e Voadora.

Cofundador das compañías Belmondo, Arrepentimentos de Padrón e Pistacatro, realizou espazos sonoros para espectáculos e participou en curtametraxes, series de televisión, cinema, teatro radiofónico e performances. Recibiu un nomeamento aos premios María Casares pola música do espectáculo Kamikaze, coproducida polo Centro Dramático Galego e a compañía de novo circo Pistacatro, dirixido por Hernán Gené. Cos seus espectáculos, e en colaboración con outros artistas, foi de xira por España, Portugal, Cuba, Mozambique e República Checa, a través de festivais internacionais e intercambios socio-culturais.

Mónica de Nut canta ópera, jazz, música de raíz, música experimental... e ten experiencia na interpretación teatral e na danza contemporánea. Estudou piano e pedagoxía musical. Formouse no canto lírico licenciándose na Escuela Superior de Canto de Madrid e tamén na música tradicional galega e no jazz.

Despois do éxito do seu primeiro disco, Mónica de Nut Trío, mellor disco 2012 segundo a revista Distrito Jazz, está a presentar o seu novo traballo, Dos fíos invisibles chegan as cores, xunto co guitarrista Virxilio da Silva.

Colabora con varias agrupacións musicais e teatrais. Está a rodar os seus proxectos en solitario voz soa e intervencións de rúa e organiza obradoiros participativos de técnica vocal para profesionais e lúdicos como os Comando grito ou Gran coro de bebés: non hai cantante pequeno.

Ten participado en montaxes operísticas, teatrais e de teatro musical, destacando a interpretación de Jenny na Ópera dos tres reás, producida polo CDG, dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Luis Tosar.

El gran día de la madre no Auditorio Novagalicia Banco
O mesmísimo día da nai, unha avoa, unha nai e unha neta, descobren que non son nin avoa, nin filla, nin neta. A partir dese momento, esas tres mulleres van facerse mil preguntas: unha nai, é a que te pare? A que te cría? A que te acepta como es? Para decidilo e decidirse, as nosas tres mulleres van celebrar, cunha infinita dose de humor e gargalladas, un explosivo día de festa que nunca poderán esquecer.

El gran día de la madre alimenta a premisa de que non hai amor mais puro que dar a vida en cada unha das súas facetas: no acto de procrear a un fillo; en entregarse a fondo para facer feliz a alguén especial; ou no feito de estar ata disposto a morrer para salvar a outro. A obra reúne en escena a Violeta, Cotillón e Prudencia, tres mulleres fortes e loitadoras, que levan demasiado tempo gardando secretos inconfesables. Son mulleres de diferentes xeracións, que descobren que ás veces hai que odiar o que se quere... para terminar querendo o que se odia.

E mentres esta avoa, a súa filla e a súa neta pelexan, rin, choran, e vomitan por fin todo o que se estiveron gardando, non se dan conta que no fondo comparten moito máis do que quixeran. Canto máis se distancian, máis recoñecen que non poden vivir a unha sen a outra. Seica non é iso a definición dunha verdadeira familia? Sen poñer nunca un pé fóra do vello mausoleo familiar, as protagonistas fan un divertido percorrido emocional que as termina unindo para sempre: enganos, bágoas, sorpresas e sobre todo unha dose de peculiar humor, son os ingredientes da explosiva viaxe que propón ao publico este inesquecible gran día da nai.

Entradas
As entradas poden mercarse xa en entradas.novagaliciabanco.es, no teléfono 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas). Ademais, poden adquirirse tamén no despacho de billetes dos propios sitios do evento, Zona C e Auditorio Novagalicia Banco os días de espectáculo dende dúas horas antes do comezo do mesmo. O prezo é de 8 euros (6 € o xoves, día do espectador) para Barbazul, unha sabotaxe amorosa e de 18 euros no patio de butacas e anfiteatro 1º e de 15 euros no anfiteatro 2º para El gran día de la madre.

Compartir: