CONSORCIO

A Real Filharmonía achega esta semana aos nenos o conto "Pedro e o lobo", de Prokofiev

19/02/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de primaria e secundaria. O primeiro será este xoves 20, ás 11:00 horas; e o segundo o venres 21, tamén ás 11:00 horas. Ademais, o sábado 22, ás 18:30 horas, a orquestra ofrecerá o mesmo recital, nesta ocasión dirixido ao público familiar. As tres citas terán lugar no Auditorio de Galicia.

A batuta destes concertos levaraa o compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG. A orquestra interpretará Pedro e o lobo, unha das obras máis coñecidas do compositor ruso Sergei Prokofiev (1891-1953). En 1936, o Teatro Infantil Musical de Moscova encargoulle unha nova sinfonía para nenos, co fin de cultivar o gusto musical entre os máis pequenos dende os primeiros anos de escola. Compuxo a obra en só catro días.

Trátase dunha historia para nenos, con música e texto adaptado por Prokofiev, cun narrador acompañando a orquestra. Neste caso, os músicos estarán acompañados por unhas marionetas de fío, da compañía catalá Títeres Per Poc, cuxos personaxes foron deseñados pola coñecida ilustradora Roser Capdevila, creadora de Las Tres Mellizas.

O compositor quería ensinar aos nenos a distinguir os instrumentos musicais, de xeito que neste conto sinfónico cada personaxe da historia está representado por un instrumento e unha melodía característica. Así, as cordas representan a Pedro, o protagonista; a frauta é o paxaro; o fagot é o avó; o clarinete o gato; o óboe é o pato; a trompa é o lobo e os instrumentos de percusión son os cazadores.

O espectáculo consta de dúas partes. En primeiro lugar, introdúcense os personaxes, creando unha complicidade máxica entre os monicreques, o público e o presentador. E logo transcorre o conto, onde as marionetas ilustran as accións que narra o actor, o director da compañía Santi Arnal, mentres a orquestra interpreta a partitura.

Compartir: