SEGURIDADE CIDADÁ E BRIGADA

Os servizos municipais realizaron máis de 1.000 intervencións con motivo dos sucesivos temporais das últimas semanas

18/02/2014 A concelleira de Seguridade Cidadá en funcións, Cecilia Sierra, e o edil responsable da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, fixeron balance das actuacións dos diferentes servizos municipais con motivo dos sucesivos temporais de vento e chuvia entre o 23 de decembro e o 14 de febreiro. Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e concesionarias como Urbaser ou Viaqua compuxeron o dispositivo de emerxencia.

Entre as intervencións, o concelleiro Juan de la Fuente, destacou as diversas saídas que tivo que realizar a Brigada de Vías e Obras para atender problemas puntuais, ou a reposición de máis de 100 colectores que quedaron danados e desprazados polos temporais. Outros mesmo foron envorcados previamente para evitar a súa rotura.

A concesionaria do servizo de augas, Viaqua, tivo que realizar 147 intervencións nas canalizacións de auga, e outras 139 nos sumidoiros. A isto hai que sumar as 742 intervencións que xa tivo que facer no que vai de ano o servizo de mantemento do alumeado público. Se ben aquí tamén se inclúen algunhas actuacións non directamente relacionadas cos temporais, o concelleiro quixo poñer de relevo que estas 742 intervencións xa superan o total de 680 realizadas en 2013.

Cecilia Sierra deu conta das intervencións realizadas por Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. Do 23 de decembro ao 14 de febreiro, os axentes policiais realizaron 225 intervencións, a maioría relacionadas con caídas de árbores, desprendementos de estruturas dos edificios, bolsas de auga en calzadas, desprendemento de muros, actuacións nas calzadas, cortes de tráfico ou caídas de farois. As intervencións máis rechamantes, polos seus danos materiais, foron as realizadas con motivo do arrastre dun vehículo ao río Sar e da caída de tres pináculos na praza do Obradoiro.

O dispositivo da Policía Local contaba cunha media por turno duns 20 efectivos, se ben nalgún momento se reforzou incluso ata os 40 efectivos.

Pola súa parte, os Bombeiros realizaron 110 saídas, destacando polo seu número as 57 realizadas o 24 de decembro. As intervencións tamén tiveron que ver fundamentalmente con caídas de árbores, farois ou sinais, desprendemento de estruturas de edificios... Ademais, de 4 a 7 efectivos de Protección Civil reforzaron o dispositivo de emerxencia.

Reparación de vieiros
Juan de la Fuente anunciou tamén na rolda de prensa que, aproveitando os primeiros días de bo tempo, dúas brigadas xa están realizando tarefas de tapado de fochancas nas rúas da cidade: unha nos vieiros máis céntricos e outra nalgúns barrios. Na xornada do mércores incorporarase unha terceira brigada.

Apuntou que serán necesarios de 8 a 10 días de bo tempo para completar os traballos na súa totalidade. Unha vez rematadas as rúas da cidade, abordaranse os vieiros do rural.

Compartir: