FESTAS

Os Xenerais da Ulla encabezarán en Santiago o desfile do martes de Antroido

18/02/2014 O 4 de marzo celebrarase unha nova edición do tradicional desfile do martes de Antroido en Santiago de Compostela, que estará encabezado, se o tempo o permite, polos Xenerais da Ulla. A comitiva que estará formada por catro correos, o Coro do Bonito e 14 xenerais.

Os catro correos vestirán, como é tradicional, camisa con garabata, guerreira e pantalón, lembrando os uniformes militares antigos. Cobren a cabeza coa gorreta, un gorro circular rematado nun entretecido de arame enfeitado con contas do cores. Van en cabalos engalanados con campaíñas.

O Coro de Bonito ou de mozos está integrado por 40 rapaces e rapazas vestidos con traxe galego ou de montañés, xunto cun señorito e unha señorita. Ao fronte deles vai un director e unha directora moi ben engalanados.

A vestimenta dos xenerais tamén evoca os uniformes militares decimonónicos. Na cabeza levan un rechamante "tricornio" (bicornio) rematado en plumas, frecuentemente de pavo real. Montan cabalos ricamente aparellados, destacando o espello que levan adornando a cabeza, o peito petral...

En Santiago, son catro as parroquias que manteñen esta tradición do Antroido dos Xenerais da Ulla, declarado recentemente Festa de Interese Turístico Galego: Marrozos, O Eixo, Aríns e Angrois, e veciños destas zonas serán os que formen esa comitiva. Xa no ano 2013 estaba previsto que encabezasen o desfile, pero non foi posible debido ao mal tempo, que estragaría a rechamante e custosa vestimenta coa que desfilan.

Representación
Os personaxes máis importantes deste Antroido tradicional son os xenerais e correos a cabalo que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.

Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón acontecidos durante o ano.

Dunha parroquia a outra, o Antroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do Antroido tradicional galego.

En Santiago, o espectáculo poderá verse nas seguintes datas:

- Sábado 22 de febreiro: Marrozos, campo da festa, ás 19:00 horas.
- Domingo 23 de febreiro: Angrois, campo da festa (Soutiño), ás 19:00 horas.
- Sábado 1 de marzo: Aríns, campo da festa (r/San Martiño), ás 18:30 horas.
- Domingo 2 de marzo: O Eixo, carballeira do Souto (Santa Lucía), ás 19:00 horas.

Compartir: