COMERCIO E TURISMO

Máis de 17.000 persoas patinaron na pista de xeo da Alameda nos dous meses de apertura

17/02/2014 A pista de xeo instalada no parque da Alameda pechou as súas portas este domingo. A concelleira de Comercio e Turismo, Reyes Leis, fixo balance da actividade dunha instalación pola que, dende o 12 de decembro ao 16 febreiro, pasaron 17.253 patinadores e patinadoras e case 32.000 visitantes en total.

Durante estes dous meses, vendéronse 9.097 entradas, ás que hai que sumar os 3.580 patinadores de centros escolares. Ademais, outros 3.285 patinadores pasaron polo recinto nas xornadas de portas abertas. O Concello tamén fixo posible que se achegaran ata o recinto, gratuitamente, diversos colectivos de carácter social da cidade.

A Concellería de Comercio quixo que todos os composteláns e compostelás tiveran a oportunidade de patinar sobre os 500 metros cadrados da pista de xeo. De aí que organizara ata nove xornadas de portas abertas: sete xornadas os completas, os días 12 e 31 de decembro, 1 e 13 de xaneiro, e 3, 4 e 10 de febreiro; e dúas medias xornadas, os días 25 de decembro e 6 de xaneiro.

Promoción en Salvador de Bahía
Na mesma rolda de prensa, a concelleira de Turismo deu conta dos contactos mantidos con Francisco Vila, director da Casa de España en Salvador de Bahía, para realizar unha serie de actividades promocionais nesta cidade brasileira. Así, no mes de xuño, técnicos de Turismo de Santiago desprazaranse a Salvador, onde se realizará un ciclo de cinema, exposicións e outras actividades. Ademais, na Casa de España haberá un espazo sobre o Camiño de Santiago.

Reyes Leis considerou o brasileiro como un mercado con potencial de crecemento e lembrou o labor promocional que teñen suposto para o Camiño de Santiago as obras de Paulo Coelho. Ademais, destacou a importancia que para o éxito destas actividades poida ter a súa coincidencia coa celebración do Mundial de Fútbol.

Cara o futuro –indicou- o director da Casa de España amosou tamén o interese en que dende Santiago se realicen contactos a fin de conseguir algún enlace aéreo entre Compostela e Brasil. A edil apuntou que se continuarán estes contactos, co desexo de, cando menos, lograr unha conexión nos meses de verán entre Lavacolla e algunha cidade brasileira.

Compartir: