ALCALDÍA

Compostela ratifica o seu irmandamento coa cidade dominicana de Santiago de los Caballeros

24/07/2006 Xa está en Compostela a delegación da cidade dominicana de Santiago de los Caballeros, co obxecto de ratificar o irmandamento entre as dúas vilas, asinado o 25 de novembro en terras americanas. O acto de sinatura entre os respectivos alcaldes, Xosé A. Sánchez Bugallo e José Enrique Sued celebrarase o mércores 26 no Concello.

A ratificación do acordo de irmandamendo asenta os compromisos subscritos en Santiago de los Caballeros para a realización de futuros intercambios culturais, sociais, económicos e turísticos. En concreto, a acta establece que ámbolos dous municipios desenvolverán principios de solidariedade e intercambio, divulgarán e intercambiarán información, impulsarán o intercambio de visitantes, examinarán xuntos a xestión do patrimonio, promocionarán turisticamente as dúas poboacións, garantirán a participación dos cidadáns, fomentarán os intercambios económicos, comerciais e tecnolóxicos e estimularán o coñecemento da figura de Cristóbal Colon.

Nos seus cinco días de estanza en Compostela, a delegación dominicana realizará distintas visitas e participará en varios actos. Para o mércores 26 queda o acto institucional de ratificación do irmandamento, que se celebrará no Pazo de Raxoi. Ademais, o alcalde de Santiago de los Caballeros asinará no Libro de Honra da Cidade.

Santiago de los Caballeros foi fundada en 1495 por Cristóbal Colón, constituíndose no primeiro Santiago de América en honra ao Apóstolo Santiago. A tradición conta que os primeiros poboadores foron trinta cabaleiros da Orde de Santiago o Maior, polo que en 1504 pasou a chamarse Santiago de los Caballeros.

Trátase da segunda cidade en importancia da República Dominicana e a capital industrial deste país. Cunha poboación de máis de 600.000 habitantes, é coñecida como a "Cidade corazón" polas súas importantes iniciativas no plano social, económico, político e cultural do país. Ademais, comparte con Compostela o feito de ter un importante centro histórico, que nestes momentos está a rehabilitar.

Compartir: