XUVENTUDE

Xuventude programa 15 novas accións formativas de febreiro a xullo

14/02/2014 A Concellería de Xuventude pon en marcha un novo calendario de actividades formativas entre os meses de febreiro e xullo. Impartiranse cursos en materias como a aprendizaxe de idiomas, a fotografía, a cociña ou a busca de emprego, entre outras. O prazo de matrícula para completar os diferentes cursos xa está aberto.

As primeiras accións comezarán o 5 de marzo. Trátase do Curso de Lingua de Signos e do Curso de Conversa en Alemán. Nivel Básico, ambos a celebrar no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. O primeiro deles pretende a adquisición de coñecementos básicos de lingua de signos nun contexto ameno, cunha metodoloxía baseada na participación activa e cooperativa, a través de dinámicas grupais e xogos de roles. Realizarase do 5 de marzo ao 30 de abril, con sesións os luns e mércores de 17:00 a 19:00 horas.

O Curso de Conversa en Alemán tratará de aproximar a un grupo de mozos e mozas a este idioma, partindo dun nivel básico de coñecemento. Procurarase que adquiran vocabulario, recursos orais, e soltura. As clases impartiranse os luns e os mércores, tamén de 17:00 a 19:00 horas, comezando o 5 de marzo e rematando o 14 maio.

Formación laboral
A formación laboral será outro dos eixes da oferta. Así, os mércores 7, 14 e 21 de maio, de 16:30 a 20.30 horas, no CSCXM do Ensanche, impartirase un Curso de Coaching Laboral, unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que perderon o seu posto de traballo, a motivación no profesional ou que queren acceder por primeira vez a un entorno laboral.

Poucos días despois, o luns 26 (de 16:00 a 19:00 horas) e o mércores 28 de maio (de 16:30 a 21:30 horas), tamén no Ensanche, realizarase o Curso de Preparación de Entrevista de Traballo, co obxectivo de mellorar as habilidades que entran en xogo á hora de enfrontarse a unha entrevista de traballo.

Unha boa alternativa laboral é exercer como monitor de tempo libre. Por iso preparouse unha nova edición do curso oficial que capacitará aos participantes para esta función, requisito indispensable á hora de levar a cabo actividades de ocio e tempo libre, de realizar campamentos ou accións socioculturais e formativas. O Curso, de 200 horas teóricas e 150 horas prácticas, celebrarase no CSSXM do Ensanche e no Centro Xuvenil Don Bosco os días 20, 21, 22, 27, 28, 29 de xuño e 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 26, 27, 28, 29, 30 e 31 de xullo, con sesións de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas. Está dirixido a mozos e mozas a partir de 18 anos.

Fotografía
Como en anteriores convocatorias, non faltan os cursos dedicados á fotografía, ambos no CSCXM do Ensanche. Nesta ocasión programouse un Curso de Narración Fotográfica e un Curso de Realización dun Proxecto Fotográfico. O primeiro formará os participantes a plasmar unha historia a través das súas propias fotografías. Celebrarase os días 25 e 26 de abril e 9 e 10 de maio, con sesións de tarde os venres e matinais os sábados.

O segundo dos cursos fotográficos buscará a xeración dun proxecto fotográfico personalizado coa intención de crear material fotográfico para presentar ao público. Impartirase os días 6, 7, 13, 14 , 20, 21, 27 e 28 de xuño, con clases de tarde os venres e de mañá os sábados.

Cociña
Á vista do éxito de obradoiros anteriores, a Concellería de Xuventude consolida e amplía a súa oferta de cursos de cociña, todos eles a celebrar nas instalacións de Hello Cooking. O xoves 27 de marzo, de 19:00 a 21:30 horas, terá lugar un Taller de Cociña Cupcakes, cuxo resultado final será a realización e decoración de seis cupkakes que os participantes levarán para a súa casa.

A cociña xaponesa tamén terá o seu momento, neste caso o xoves 24 de abril cun Taller de Cociña Sushi. Na sesión, de 19:00 a 21:30 horas, elaboraranse diferentes tipos de rolos xaponeses, afondando nos diferentes tipos de peixes e na súa preparación.

Outra das novidades é o Taller de Cociña Hamburguesas Gourmet, a realizar o xoves 22 de maio de 19:00 a 21:30 horas. Os participantes aprenderán a elaborar distintas hamburguesas, dende os diferentes pan artesáns, a elaboración da hamburguesa (de tenreira e boi, atún vermello e vexetal), os diferentes ingredientes que se poden engadir ata as salsas coas que aliñalas.

Técnicas tradicionais
Algunhas técnicas tradicionais serán igualmente protagonistas na oferta formativa, comezando por un Taller para aprender a tecer con ganchillo os días 1, 8, 22 e 29 de abril, de 18:00 a 19:30 horas. Tamén se impartirá un obradoiro de calceta, no mesmo horario, pero os días 2, 9, 23 e 30 de abril. Este calendario de formación en tecido completarse cun Taller de Amigurumi o luns 5 e o mércores 7 de maio. O amigurumi é unha tendencia xaponesa que consiste en tecer pequenos bonecos con técnicas de croché ou ganchillo. Estes tres cursos realizaranse no establecemento comercial Faino Ti.

A oferta formativa da Concellería de Xuventude complétase cun Taller de Elaboración de Velas e con outro Taller de Elaboración de Xabóns Decorativos, ambos no CSSXM do Ensanche. No primeiro, o venres 25 de abril, de 18.00 a 20:00 horas, os mozos e mozas aprenderán as nocións básicas para a creación de velas decorativas, usando parafina. No segundo, o venres 9 de maio, no mesmo horario, ensinarase aos participantes a facer xabóns artesanais, utilizando elementos como flores secas, herbas aromáticas, purpurinas, etc.

Máis información sobre estas accións formativas na Concellería de Xuventude, coa que se pode contactar a través do teléfono 981 543 001, do correo electrónico dptoxuventude@santiagodecompostela.gal ou do Facebook do Departamento.

Imos á neve
A Concellería tamén lembra que continúa aberto ata o 21 de febreiro o prazo de inscrición no programa Imos á neve, que terá lugar o 2 e o 4 de marzo en Leitariegos. Está dirixido a mozos e mozas de 14 a 20 anos.

Documentos relacionados



Compartir: