CENTROS SOCIOCULTURAIS

Chega a Santiago de Compostela a exposición conmemorativa do centenario das escolas oficiais de idiomas

14/02/2014 Con motivo do centenario da existencia das escolas oficiais de idiomas, a EOI de Santiago de Compostela, xunto coa Asociación de Profesorado de EOI de Galicia (APEOIGA), programaron a chegada a Galicia da exposición conmemorativa, que leva percorrendo a xeografía española dende o ano 2011. A mostra ficará en Compostela ata o 6 de marzo, antes de continuar o seu periplo por outras vilas e cidades galegas.

A exposición divídese en dúas partes. A primeira, que se exhibe na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, leva por título Cen anos a che dar a palabra e fai unha viaxe pola historia das EOI, dende a creación da Escuela Central de Idiomas de Madrid, no ano 1911, ata a actualidade. Nela faise un percorrido gráfico e histórico
polos 100 anos destas institucións educativas e os seus protagonistas principais, alumnado e profesorado, e expóñense documentos administrativos e bibliográficos que fan parte do seu devir.

A segunda parte, denominada O noso son as linguas, que conta tamén cunha parte interactiva e audiovisual, exponse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e presenta un percorrido por todas as linguas que se ensinan e aprenden nas escolas oficiais de idiomas do Estado, con paneis explicativos individualizados por cada unha delas.

Pódese atopar máis información sobre esta e outras actividades en www.eoisantiago.org ou nos teléfonos de contacto 606 383 584 e 981 554 710.

Compartir: