CULTURA

Xacarandaina presenta "Galizien Amerika Linie", danza tradicional galega e emigración

13/02/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou en rolda de prensa o espectáculo Galizien Amerika Linie, de Xacarandaina, que poderemos ver no Auditorio de Galicia este domingo, 16 de febreiro, ás 20:00 horas. Fíxoo acompañado de Henrique Peón, director e coreógrafo do espectáculo. As entradas para este evento, enmarcado no ciclo Teatro & Danza, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas); en entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443; así como no propio Auditorio de Galicia o mesmo domingo dende as 18:00 horas.

Galizien Amerika Linie pretende achegar ao público ese fenómeno importantísimo da nosa historia contemporánea máis recente: a emigración. De todos é sabido que os galegos fomos un pobo emigrante, pero aínda que nos toca a todos de preto, non somos o suficientemente conscientes do drama que supuxo aquel éxodo, e menos conscientes somos aínda da importancia económica e cultural que eses emigrantes tiveron para coas súa terra e o amor que lle dispensan, a cambio de nada, desde a distancia.

Con tal propósito, Xacarandaina montou un espectáculo no que se mestura a propia actuación do grupo cos seus bailes, danzas, músicas, vestiarios e posta en escena con deseño de luz, deseño espazo sonoro e audiovisual, mesturando así o arte tradicional cas novas tecnoloxías, facendo de Galizien Amerika Linie algo novidoso e único dentro do abano dos espectáculos feitos en Galicia.

Bono de Teatro & Danza Galego
Este espectáculo está enmarcado no Bono de Teatro Galego, mediante o cal se poden adquirir 5 entradas a 35 euros, o que supón un aforro do 30% sobre o prezo xeral. Dende o Departamento de Cultura do Concello de Santiago aseguran estar moi satisfeitos coa acollida que está a ter esta iniciativa, xa que se venderon xa máis de 150 bonos. Poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal, que abre de martes a sábado (e días de evento) de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: