NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Alumnado dos concellos de Santiago, Ames, Carballo e Teo participou na xornada de formación do Club de Debate

11/02/2014 Os inscritos/as no Club de Debate asistiron a un curso preparatorio que serviu de punto de partida para a fase clasificatoria, que se celebrará no concello de Teo no mes de marzo. Esta actividade formativa serviu para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate.

A zona de Santiago é a que conta con maior participación no certame, xa que presentarán nove equipos, formados por un total de 80 estudantes e 9 profesoras e profesores. O tema de debate será "Nós á nosa idade o único que temos que facer é estudar e pasalo ben".

Os Concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo presentarán un total de nove equipos de escolares, que cursan estudos de educación secundaria e bacharelato, á terceira edición do Club de Debate. Esta iniciativa busca traballar nos alumnos/as conceptos como a comunicación, a oratoria e a lingua a través dunha ferramenta como son os equipos de debate, cunha posta en escena que resulta moi atractiva.

"Nós á nosa idade o único que temos que facer é estudar e pasalo ben". Este será o tema sobre o que traballarán os equipos de escolares que participen este ano na fase clasificatoria do Club de Debate. Case 100 estudantes de institutos dos catro concellos participarán nesta fase que se realizará en Teo no mes de marzo. Este club é unha iniciativa impulsado dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade nesta edición), Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Esta iniciativa púxose en marcha hai dous cursos impulsado dende os servizos de normalización lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

Antes de que se celebre a fase clasificatoria do Club de Debate, realizouse unha xornada formativa que tivo lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Nesta xornada participaron todos os equipos anotados de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo.

A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en formar e preparar os equipos e persoas participantes para o certame, en técnicas de expresión, comunicación e habilidades sociais. Tamén se deron a coñecer as normas, tempos, estrutura… da dinámica de funcionamento do certame, co obxectivo de favorecer a posta en situación por parte dos equipos participantes. A maiores diso, abordáronse ás técnicas de busca de información, preparación de argumentos e roles, posicionamentos a favor e en contra...

Xornada de formación práctica e participativa
Fundamentalmente, tratouse dunha xornada de formación eminentemente práctica, activa e participativa. Os rapaces e rapazas estiveron divididos en tres grandes grupos de 25 participantes cada un. O alumnado foi rotando entre tres actividades diferentes que tiveron unha duración de 45 minutos cada unha. Estas actividades foron un obradoiro de técnicas de oralidade, habilidades sociais e comunicativas; un obradoiro de posta en situación denominado A dinámica do certame de debate; e un obradoiro de busca de información e preparación de argumentos.

A xornada de formación rematou cunha simulación de debate por equipos. A cada equipo déuselle un tema sinxelo e de actualidade para que, en pouco tempo, elaborase unha pequena exposición inicial e unha listaxe de argumentos a favor e en contra. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu tres equipos dos centros composteláns IES Antonio Fraguas e do IES Rosalía de Castro; catro equipos amienses do IES Plurilingüe de Ames e do IES do Milladoiro; un equipo do IES Isidro Parga Pondal de Carballo e un equipo do IES de Cacheiras de Teo.

Fase clasificatoria en Teo
Esta actividade formativa serviu para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate de cara á fase clasificatoria que se celebrará no concello de Teo no mes de marzo. Os equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán na fase final que se celebrará en Ferrol o 26 de abril. O equipo gañador da fase galega conseguirá un premio dunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que, entre outras cousas, poida coñecer novos aspectos da súa realidade idiomática.

A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato.

Compartir: