TURISMO

Santiago promociónase por primeira vez na principal feira turística de Israel

11/02/2014 Turismo de Santiago participa por primeira vez na International Mediterranean Tourism Market, principal feira turística de Israel, que se celebra os días 11 e 12 de febreiro en Tel Aviv, principal centro económico do país.

Turismo de Santiago estará presente no stand de Tamadaba Tours, unha axencia de viaxes que dende o ano 2011 está apostando polo mercado israelí mediante a organización de viaxes de grupos por diferentes partes de España. O obxectivo da participación de Turismo de Santiago xunto con esta axencia de viaxes é que a cidade poda entrar neste circuíto de viaxes.

Esta acción enmárcase tamén dentro do convenio de colaboración asinado entre Turismo de Santiago e Turkish Airlines na pasada edición de Fitur co obxectivo da promoción da cidade e da conexión entre Santiago e Estambul, que abre novas oportunidades á cidade en mercados lonxanos, que agora están máis próximos grazas ao hub da compañía aérea en Estambul.

Na feira, Turismo de Santiago fará unha presentación da cidade dirixida ao público xeral, para que coñezan o pasado da cidade e a presenza xudea en Santiago. Ademais, manterá reunións con medios de comunicación, axencias de viaxes e touroperadores. O obxectivo é dar a coñecer Santiago como un destino turístico cultural e patrimonial neste novo mercado.

Turismo de Santiago promocionará especialmente o Museo de Terra Santa, que se atopa no convento de San Francisco. Este espazo presenta un dos mellores percorridos pola historia dunha zona onde non só teñen a súa orixe as tres principais relixións monoteístas do mundo, senón tamén a agricultura, a gandería e a escritura.

Compartir: