CONSORCIO

Restauradas as pinturas murais do século XVI aparecidas na igrexa de Figueiras

11/02/2014 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, e a xerente do Consorcio, María Antón, visitaron a igrexa de Santa María de Figueiras. Comprobaron o resultado da restauración das pinturas murais que saíron á luz no templo. A Oficina Técnica do Consorcio promoveu a súa recuperación e conservación. O seu estado era moi malo, debido á acción da humidade e, sobre todo, á repercusión de obras anteriores nos muros do edificio. Sobre a superficie pictórica aplicáranse encalados e cemento. O orzamento dos traballos de restauración, adxudicados á empresa Alfa ArteRestauración e coordinados pola restauradora Ángeles Fernández Santiago, ascenderon a 16.652 euros.

Trátase de pinturas ao fresco, de estilo renacentista, que poderían datar do século XVI. Tal como explica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga, "a igrexa estivo cuberta de frescos pero nos anos 70 afundiu o muro sur, o que obrigou a unha intervención en profundidade sobre o templo. Daquela parecía que xa non había pinturas e finalmente as paredes quedaron cubertas por unha grosa capa de recebo de cemento. As que se conservan, aínda que estaban moi deterioradas, apareceron detrás duns retablos, de aí que non sufrisen as consecuencias das diferentes obras que se realizaron no edificio".

As pinturas apareceron en dous rectángulos verticais localizados a ambos lados da nave, próximas ao presbiterio, e en varios fragmentos das paredes do mesmo. En canto á nave, na parede do lado da epístola consérvase unha superficie rectangular de desenvolvemento vertical; trátase dun personaxe cunha espada.

Na parede do Evanxeo xurdiu unha figura con coroa de espiñas e unhas canas entre as mans, que finalmente se comprobou que era un San Sebastián. Nesta escena mestúranse dúas imaxes superpostas, pertencentes a dous momentos pictóricos diferentes.

No prebisterio consérvanse tres fragmentos, dous deles na parede do Evanxeo. E na parede da epístola apareceron restos de pintura completamente cubertos por unha lixeira capa de cemento, preto do retablo maior.

Compartir: